A DESCOLONIZACIÓN DE GALIZA

La Voz

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO / Isaac Díaz Pardo

11 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Algunhas novas que circulan falan que certas institucións que operan cos cartos que son de todos se propoñen recuperar o control de algunhas empresas que, operando no noso territorio e sobre todo explotando os nosos recursos, son propiedade de xentes e entidades alleas a Galiza, e nin sequera liquidan os seus impostos directos e indirectos na nosa terra. Se hai empresas galegas que operan deste xeito e alguén non acepta que representan unha forma de colonización, pois que veña Deus e que o vexa. Este intento de recuperación, por exemplo, apunta a Ence, concretamente á celulosa de Pontevedra, que é unha forma de explotación na que o único que interesou foi a materia prima, sen que acompañase aos seus creadores unha mínima elegancia de completar o ciclo productivo en Galiza. É dicir, producir papel. Xa sabemos que esta desconsideración pra os intereses de Galiza pertence ao réxime anterior. Pero o certo é que nos anos que levamos de Autonomía non se fixo ren por correxir cousas como esta, verquendo os cartos públicos, e os do noso aforro, en situacións semellantes, e tamén máis graves, aínda que esta da celulosa ten ademais un significado moral e político que denota ignorancia e falla de escrúpulo nos seus autores e sostedores, pois foi idea de Castelao a repoboación dos montes pra facer pasta de papel. Pode ser que alguén máis coincidise na idea pero todo apunta a que dunha maneira ou doutra uns se apoderaron do lerio. Antes da Guerra Civil, Galiza tiña practicamente intactos os seus recursos aínda que podía haber algunha explotación hidroeléctrica, propiedade dos galegos. Inmediatamente de rematada a guerra, España pasou a copiar a autarquía dos alemáns, e a recuperar, nacionalizándoas, as explotacións mineiras. A admiración polo réxime nazi era total e nos levaba a estos extremos. Os gobernantes de Madrid foron sempre admiradores dos que tiñan poder e riqueza. Así como Alemaña perdeu a guerra e saíu dela poderosa Norteamérica, os gobernantes de Madrid xiraron o cataventos e ¡alá se foi a autarquía copiada dos nazis! No ano 53 firmouse o tratado hispano/ianqui e España multiplicou o número de Xibraltares; a mesma España que tantas manifestacións fixo uns anos antes fronte a Embaixada inglesa pra que nos devolveran Xibraltar. No ano 54 a primeira industria mineira que se veu penetrada polo capital estranxeiro foi precisamente a dos caolíns da comarca sargadelián. Algún día poderá contarse unha historia, aínda máis negra, que hai por acó. Como poder podería contarse agora, e documentala ben, e ninguén o impediría. Mais descalificar ás xentes, e aos grupos, non beneficia a Galiza. O que beneficiaría á nosa terra é que, sen pretensións autárquicas, se alixeirase de tanta presión colonizadora que sofre. E nesta tarefa o que hai que facer é sumar xente, convencer aos máis de que a nosa terra ten que ser nosa e para conseguir eso é polo que Castelao pedía o Estatuto de Autonomía no plebiscito do ano 36. Outros problemas, como o da nosa lingua, tamén se resolverían por acó.