Carlos Casares. Á MARXE
10 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Chegamos a Burdeos o sábado pola mañá, despois de pasar a noite no tren, durmindo de dous en dous, en departamentos de coche-cama. Podíase elixir a persoa acompañante, previo acordo, por suposto. Nada máis atravesar a fronteira, a Gran Voz repetiu en inglés, francés e alemán que estaban «desolados» porque a compañía española non nos servira o almorzo, pero que os franceses ían resolver o problema. Non era xusto, porque nos levantamos ás seis e media da mañá e ademais os ferrocarriles españois puxeron á nosa disposición un tren magnífico moi cómodo. Como ocorre ás veces, pagaron xustos por pecadores. Polo demais, a organización francesa, moi ben. Todo funcionou como un reloxio, ó revés do que sucedera en Madrid. Despois de xantar, eu participei nunha mesa redonda, na «fnac», a célebre cadea de librerías, sobre as literaturas que se fan en España nas distintas linguas. O público seguíu o debate con moito interés e fixo preguntas. Logo saín a dar unha volta pola cidade cun grupo de compañeiros e compañeiras, vimos unha procesión católica sen santos (en Francia, as manifestacións relixiosas na rúa están prohibidas desde a Revolución), pero presidida por un tren «chu-chú» cheo de globos e bandeiras. Tamén estivemos nunha tenda de viños cunhas enormes escaleiras de caracol, nas que segundo iamos subindo, os prezos facían o mesmo. Por último, asistimos a unha recepción no Concello, para que o alcalde, Alain Juppé, antigo Primeiro Ministro, nos dese a benvida. O domingo, toca día de descanso, sen mesas redondas nin rodas de prensa nin conferencias. Iremos visitar un par de adegas no campo.