Carlos Casares. Á MARXE
06 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Onte pola mañá leváronnos de excursión a Cascais e ó chegar metéronnos nun tren «chu-chú» e déronnos un paseo pola cidade. Resultaba curioso o contraste entre o letreiriño que todos levamos colgado, onde consta o noso nome e o rótulo do Literaturexpress, con aquel tren de xoguete. Moita xente que nos vía pasar, ría. Ós escritores do este de Europa, tanto bálticos como armenios, o Atlántico deixounos fascinados. Algúns quitaron os zapatos e mollaron os pés. Un par deles tiráronse vestidos á auga. Despois visitamos unha exposición, comimos nese museo e por último asistimos a un concerto dado por un cuarteto de corda. Pouco a pouco vanse establecendo relacións cada vez máis fluídas, despois dos dous primeiros días, cando a xente se agrupaba por tribus. Agora xa andamos misturados. A diversidade lingüística unifícase a través do inglés e o francés, a non ser unha italiana que anda preguntándolle a todo o mundo se falan a súa lingua: derrota total. O elemento pintoresco, polo de agora, é un escritor holandés que está empeñado en boxear. A min xa me advertiran os membros da delegación española, cousa que lles agradecín, pois se non chego a saber nada, pensaría que o tal individuo pretendía tomarme o pelo. Atopábame eu almorzando pola mañá, no comedor do hotel, e o holandés sentouse na miña mesa. Despois das preguntas de rigor, é dicir, país de orixe e demais, preguntoume se quería boxear con el, que necesitaba entrenar e non atopaba compañeiro. A ollo calculei que debía medir arredor de un noventa. Díxenlle que eu non sabía boxear e que ademais era moito máis pequeno. Deume as gracias e cambiou de mesa.