MOSCAS

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES MAR DE FÓRA

02 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha televisión local malagueña anuncia a estrea dun novo espectáculo mediático. Varias parellas practican sexo diante das cámaras: O gran polvo. O público vota e elixe semanalmente os seus favoritos. Os responsables advirten que o programa se emitirá logo da medianoite, fóra da visión de menores, e buscan a colaboración doutras televisións locais para conseguir a audiencia necesaria que garante premios millonarios. Disque hai unha chea de candidatos. Tal que advertía Andy Warhol, todo o mundo ten dereito a quince minutos de gloria. O novo éxito da televisión norteamericana chámase Supervivencia, emitido pola CBS. Andan nunha versión española. Denominarase seguramente Robinson e seica está contratada por TVE (a televisión pública): un grupo de individuos (e individuas) a sobrevivir nunha illa deserta. Coas cámaras da televisión en helicópteros ou agochadas entre a matugueira, naturalmente. Na conquista das audiencias val todo. ¿Para cando unha ruleta rusa en directo?, tal que suxire o meu amigo Xavi Vaz. A segunda parte do Gran hermano, que bate arestora récord de audiencia, chamarase Autobús. Están a traballar no proxecto. Queren levalo polas vilas, prazas, discotecas e feiras, todos dentro do vehículo e sen poderen saír. Unha nova promoción de famosos anónimos aparece en escena. A fama, que os clásicos relacionaron sempre coa inmortalidade, coma nos recordaba onte Marina Mayoral, entrou na modernidade, baixou dos altares, democratizouse, fíxose laica e vén administrada fundamentalmente dende a TV. Un instante na TV pode cambiar unha vida. ¿Non andan outros na prensa do corazón con menos méritos, cobrando millonadas, alimentando a aristocracia do papel cuché e o consumo de exclusivas? Un tal Boris Izaguirre, que de traelo ó auditorio das universidades sospeito que enchería ata a bandeira, baixouse os pantalóns diante das cámaras o mércores e saltaron tódolos medidores. Non nos enganemos. Non é só unha cuestión de oferta. A esa mesma hora a TV2 emitía unha entrevista con Augusto Monterroso, a TVG unha conversa con Vargas Llosa, Canal Plus unha serie de animación portuguesa... As moscas van ó que van. E no reino marabilloso do mercado libre e a consagración das audiencias, no paraíso do ocio mediático e o culto masivo á estupidez, o rendible son as moscas.