PALABRAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE-CARLOS CASARES

01 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Ese cura do que falei onte aquí, que sabía a Biblia de memoria, e do que aínda se acordarán algúns dos seus colegas, falaba sempre nun castelán moi escollido, que a veces recordaba a lingua de Cervantes, pronunciada con coidado. Os problemas lingüísticos constituían unha das súas paixóns, sobre todo polo que respecta ó uso correcto das palabras. Un día escoiteille abroncar sarcásticamente a un compañeiro que dixo diante del a palabra «cénit», acentuando o «e», en vez do «cenit», con acento tónico no «i». Quedoume tan gravado que aínda hoxe, tantos anos despois, me chama a atención que tanta xente o diga mal. Outro erro idiomático que non lle gustaba nada era a expresión «andar en pelotas», en vez de «andar en pelota», que é a correcta. Para explicarse dicía unhas cousas divertidísimas, algo picantes, e logo soltaba de memoria dez ou doce citas literarias de clásicos casteláns en apoio da súa tese, que defendía como se lle fose nela a propia vida. Unha das veces que lle axudei á misa, durante a predicación, aquel infeliz empezou a explicarlles ós paisanos a diferencia que había entre dicir «prostituta» ou dicir «ramera». Eu estaba tan asustado que non fun capaz de seguir a argumentación en detalle, polo tanto non recordo qué pretendía demostrar. Só lembro que o asunto tiña que ver co evanxelio. Deume a impresión de que os ferigreses non se molestaron nin sentiron que o cura fose un tipo disparatado, senón que estaban contentos, pois de cando en vez rían bastante. Acórdome que o final consistiu en dicir que esas palabras non eran pecado, nin sequera a das catro letras, que resonou na igrexa como un raio.