CARLOS CASARES. "Á MARXE"
28 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Como teño contado algunhas veces, eu son dunha terra onde se comen as rans. Con frecuencia, algúns amigos meus, cando se fala do tema, poñen cara de noxo. Non me costa comprendelos porque a min me pasa o mesmo con outros costumes gastronómicos. Por exemplo, nunca fun capaz de comer caracois e aínda hoxe non me atrevo a probar a cotizada lamprea. En Suecia, onde pasa por ser un dos bocados máis exquisitos que un pode levar á boca, o «sur strömming», un peixe podre que cando se saca do envase cheira en todo o barrio igual que se reventase unha cloaca, xamais tiven o valor de aceptar as invitacións que me fixeron.
Esa é a razón de que non frecuente restaurantes de comida exótica ou que, cando viaxo polo mundo adiante, me comporte, neste aspecto, dunha maneira mais ben conservadora. Estou seguro de que teño perdido non poucas oportunidades, pero confeso que non me arrepinto pois, nesto de comer, a vista é tan importante como o gusto.
Polo que respecta a estes prexuízos, é moi curioso o que leva ós colombianos a non comer linguado, que lles inspira repugnancia por razóns relixiosas e que, cando os habitantes daquel país chegan a España non entenden que aquí lle deamos tanto mérito. Todo naceu, polo visto, dunha lenda que di que nunha ocasión a Virxe María lle preguntou a un deses peixes cándo ía subir a marea. Este último respondeulle coa boca torta, falando de lado, para burlarse dela. Por ese motivo, o citado, en castigo pola blasfemia, quedou con esa pinta rara que ten, non demasiado guapa. Sen embargo, alguén lle debía explicar ós colombianos que no ceo comen linguado.