XULIO RÍOS. AQUÍ FÓRA
25 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Alberto Fujimori atópase de novo entre a espada e a parede. A «concesión» realizada logo da primeira volta das eleccións presidenciais celebradas o pasado 9 de abril non resolveu, como era doado imaxinar, o problema de fondo que desestabiliza a sociedade peruana: cómo convencer a Fujimori do esgotamento do fujimorismo. Daquela, cun 49,84% dos sufraxios en imparable ascenso, a presión popular e internacional obrigaronlle a aceptar unha segunda volta coa que non contaba. Agora, Alejandro Toledo, líder da oposición, a coro cos observadores internacionais, denuncia a inexistencia de garantías e chama a boicotear o proceso do domingo. Con milenaria razón, os chineses afirman que o poder é o maior inimigo do seu dono. O Chino, alcume utilizado popularmente no Perú para referirse ó aínda Presidente, desaproveitou case dous meses para negociar unha saída persoal honorable e evitar a practicamente segura desestabilización política do país de non acceder a ese aprazamento electoral que se lle reclama. Fujimori non acaba de comprender que o seu momento pasou. Se finalmente insiste en que as eleccións se celebren o próximo domingo, vai contar ó seu favor con todos os pronunciamentos legais necesarios e gañará seguro, desta vez sen rival. Pero a raíz do problema non radica na legalidade nin na aritmética electoral. Obviando a dimensión política, que é onde radica o cerne do asunto, o repenique está servido. E mentres o Chino avanza en caída libre, Alejandro Toledo, o Cholo, só ten que agardar a que a froita, xa madura, apodreza de seu. Avogado do Banco Mundial e teimudo defensor das recetas neoliberais do Fondo Monetario Internacional, Toledo, gran admirador de Tony Blair e a súa terceira vía, vai ter a oportunidade de demostrar en pouco tempo como as grandes limitacións existentes en Perú non se refiren exclusivamente á posibilidade de votar en liberdade, senón tamén de elixir un programa de goberno realmente alternativo. O Cholo, situado na cresta da ola da esperanza popular, cataliza hoxe o descontento con Fujimori pero dificilmente aportará máis cambios que en formas e talantes. Aínda así, ben mirado, en Lima non é pouca cousa.