XOÁN ANTÓN PÉREZ-LEMA
23 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Unha constante sociolóxica na Galicia é a tendencia ó autodesprezo ou, alomenos, a pórmos diante os valores alleos ós proprios. Calquera arquitecto, enxeñeiro, avogado, consultor empresarial ou asesor fiscal alén de Pedrafita ou do Padornelo ten habelencias das que carecemos no País. Cando cómpre deseñarmos unha «Domus» ou unha «Cidade da Cultura» hai que botar man dun sabio arquitecto xaponés ou americano que seica coñecen moito mellor o noso «habitat» urbano ca un arquitecto galego. Se queremos atarefarnos nun cobizoso porto exterior (fundamental para o futuro da Galicia) ou nunha grande obra viaria haberá que chamar polos grandes gabinetes de enxeñería de Madrid, pois que aquí, xa se sabe, non hai enxeñeiros de modo. Se hai que emitir un matinado dictame xurídico ou encargarse do asesoramento xurídico de Sogama, botarase man dun «bufete de Madrid» de sona, pois que na Galicia os xuristas non son quén de fornecer unha asesoría legal «de nivel». Unha campaña de publicidade ou de «marketing» ben feita precisa duns «listos» cataláns ou madrileños que a cociñen, xa que aquí (onde seica teñen agromado campañas premiadas a nivel internacional) semella que tampouco temos profesionais que arranxen os temas. E deste xeito o profesional ou empresario galego é esquecido, a meirande parte das veces pola Xunta, concellos, autoridades portuarias e outros entes públicos e semipúblicos. Vaia por diante que, ás veces, as empresas e profesionais galegos non temos sabido artellar estructuras axeitadas que resposten ás esixencias complexas e interdisciplinares do mundo que estamos a vivir. E tamén conste a miña confianza na apertura do mercado e o meu rexeitamento a calquera eiva á libre concorrencia dentro da Unión Europea que non resposte a un interese público definido. Cómpre abrirmos ó exterior, venderlle e mercarlle a todo o mundo e investir onde cumpra. Pero unha cousa é respectar esta concorrencia e outra moi diferente é sermos parvos, outorgando as principais encomendas constructoras, deseñadoras ou de asesoramento empresarial a empresas e consultorías sen raigame nin coñecemento ningún do noso país, que adoitan enviar ás «provincias galegas» ós seus cadros máis inexpertos, para que así se vaian afacendo. Deste xeito, estamos a couta-la nosa capacidade de desenvolvemento social e económico, a proxección exterior das nosas empresas e profesionais e mesmo a nosa confianza en nós mesmos. Por iso, respectando sempre a libre decisión das empresas e das organizacións privadas, cómpre esixir un grao meirande de compromiso á Xunta, concellos e resto do sector público. Algúns pensarán que nunha economía globalizada a orixe territorial da propriedade ou da dirección dunha empresa non é relevante, mais a historia empresarial recente amosa que as empresas tentan mante-lo seu nivel de emprego e investimento nos seus lugares de orixe e retíranse dos de expansión cando a economía está a devalar. Galicia ten acadado xa uns bos niveis de formación dos seus profesionais e executivos. Xa que logo, será un nidio sinal da nosa falla de organización e de confianza en nós mesmos que, en igualdade de condicións, sigamos a confiar no de fóra, no aquel que, sen un fondo coñecemento do noso, colle un avión ida por volta pretendendo amaña-los nosos problemas productivos, organizativos, constructivos e xurídicos e mesmo ensinarnos a nos comprender a nós mesmos. Sigamos a confiar no aquel que, sen nos coñecer máis que de esguello, pretenda arranxa-lo noso futuro.