Ángela Arnosa: «A investigación repercute na creación de emprego»

MERCADOS

PACO RODRÍGUEZ

Muller, científica e de San Sadurniño, desenvolve a súa tese no Nanomag, un grupo de investigación da USC especializado en nanopartículas magnéticas. Traballa nunha liña de estudo enfocada á terapia tumoral e outra ao medio ambiente, e reivindica os beneficios de investir en ciencia

21 dic 2023 . Actualizado a las 22:36 h.

A relación de Ángela Arnosa Prieto (San Sadurniño, 25 anos) coas partículas comezou no máster en Investigación Química e Química Industrial que cursou na Universidade da Coruña (UDC), despois de rematar alí o grao de Química. «Dentro da rama de investigación fun pola especialidade de nanomateriais», explica. Agora está no terceiro ano do doutorado en Ciencia de Materiais, na Universidade de Santiago de Compostela (USC), no grupo de investigación Nanomag, especializado en nanopartículas magnéticas «e formado por xente da Facultade de Química e da de Física». José Rivas, profesor emérito da Facultade de Física e experto en magnetismo, é o seu titor e o director da súa tese.

—De onde lle vén o interese polas nanopartículas?

—Cando estudaba a carreira non pensaba en facer o doutorado, senón en acabar e buscar un traballo, pero convencinme ao facer o máster. No último ano da carreira descubrín a Ciencia de Materiais, e encantoume. A partir de aí foi cando decidín facer o máster, vin esta rama de nanomateriais e por iso a escollín.

—Que é a Ciencia de Materiais?

—É unha rama que estuda calquera cousa material, algo que lle busca unha aplicación ao que se desenvolve, ao que acabas sintetizando ou creando. Está moi relacionada coas aplicacións cotiás ou industriais, xa se busca que teña unha utilidade e que se chegue a desenvolver un produto final.

—En que traballa o Nanomag?

—Dedicámonos a facer nanopartículas magnéticas para incorporalas a diferentes materiais con aplicacións moi diversas. Son partículas moi pequenas, coma se colles o grosor dun cabelo humano e o divides cen mil veces.

—En que centra a súa tese?

—En dúas liñas de estudo moi diferentes. Unha liña biomédica, na que estou a desenvolver uns materiais que incorporan estas nanopartículas pero que xa teñen un tamaño macroscópico (pódelas ver perfectamente e coller un anaco). A unha persoa cun certo tumor poderíaselle facer un pequeno implante deste material, que se pode recortar e adaptar ás necesidades, e de aí, unha vez implantado, úsase unha propiedade das nanopartículas magnéticas. Cando se lles aplica un campo eléctrico quéntanse, e ao quentarse ata unha certa temperatura, as células tumorais resisten peor que as sas, entón conseguiríamos eliminalas sen danar as sas. Sería unha terapia tumoral. Aínda está en desenvolvemento, pero vai por bo camiño.

—E a outra liña de estudo?

—Vai máis encarada ao medio ambiente. Estamos desenvolvendo un material. Con estas partículas teriamos un núcleo magnético, podemos poñerlles diferentes cubertas, de compostos que nos interesen. Unha posibilidade é poñerlle un composto que consiga atrapar un contaminante determinado da auga, moi difícil de eliminar. Atraparían ese composto, e simplemente con colocar un imán veríanse atraídas e poderíanse eliminar da auga.

—Para conseguir que estes materiais se desenvolvan...

—Moitas veces establécense colaboracións con empresas de distintos sectores, o que xa che permite desenvolver o material dunha forma máis directa, podes testar a súa aplicación e é máis fácil que despois chegue a comercializarse. Pero en Galicia o tecido empresarial non está moi aló...

—Mellorou o financiamento da investigación?

—Coa pandemia e o desenvolvemento das vacinas a xente deuse conta da importancia da ciencia e parecía que se ían dedicar máis fondos, pero ao final ves que non, seguen faltando. As persoas que se ocupan do financiamento non son capaces de pensar a longo prazo, necesitan un resultado inmediato. Require tempo, e ese investimento vaiche vir de volta, pero a curto prazo é un gasto que non xera beneficio. Se houbese máis investigación poderíase colaborar coas empresas e ao xerar unha sinerxia iso repercutiría en crear máis emprego. E se ao final hai que marchar fóra porque non hai ese investimento nin ese tecido, estás gastando cartos na formación das persoas para que logo marchen.

«Se queres transmitir ideas á xente de aquí, por que non facelo no idioma de aquí?»

Ángela Arnosa Prieto defende o uso do galego na ciencia: «Se queres transmitir ideas á xente de aquí, por que non facelo no idioma de aquí?». Forma parte do grupo de divulgación científica UDC Big Bang, composto maioritariamente por alumnos de Bioloxía e Química da UDC. «Comezamos facendo talleres divulgativos e xusto antes da pandemia a Xunta subvencionounos un proxecto para intentar transmitir conceptos científicos de forma máis audiovisual e a través das redes sociais», explica. E aquí fusionou dúas das súas paixóns, a ciencia e o audiovisual. «Aparte de facer moito material gravamos pequenos vídeos de diferentes operacións de laboratorio, que agora se empregan no primeiro curso de Química da UDC como material docente nunha materia», indica.

—Ciencia, tamén en galego...

—Case todo o material que hai está en inglés, e algo en español. Decidimos facer contidos en galego, que non adoita empregarse en ciencia. Moitas veces escasea porque unha peza non sabes como chamarlle, cal é a palabra normativa, pero haina.

—Continuará no Nanomag unha vez que remate a tese?

—Depende, sobre todo, da oportunidade de conseguir bolsas. Unha vez rematado o doutorado, se che interesa seguir na carreira investigadora o ideal é poder realizar o posdoutorado, e o interesante é conseguir unha bolsa para poder realizalo, uns anos fóra e despois regresar e ter a oportunidade de seguir crecendo no mundo da investigación [...]. Gustaríame poder quedar en Galicia, aínda que me marchase un par de anos fóra.

—É o camiño que quere?

—Se dese conseguido unha bolsa posdoutoral estaría ben aproveitala; se non, é moi difícil, perdes a oportunidade de entrar no ámbito universitario e de ter unha praza máis fixa, e o único que che queda é ir encadeando contratos de seis meses. Tamén me gusta a docencia, estou cursando o máster de profesorado.

—Hai igualdade na ciencia?

—Estase avanzando, pero aínda queda. O ano pasado aprobouse a Lei pola igualdade na carreira investigadora [que leva o nome de Ángeles Alvariño], que intenta evitar que a maternidade penalice a carreira investigadora.

O detalle

O audiovisual galego

A Ángela sempre lle gustou o audiovisual galego. «O Chanfaina Lab [o festival de San Sadurniño] deume a oportunidade de poñerme ao outro lado da cámara, gravar, facer algo meu», conta. Participou nas dúas últimas edicións, xusto antes da pandemia. Un ano rodou «Síntese», en interior, «co uso de sombras para transmitir ideas»; e ao seguinte, «Un ninguén máis», «que fala desa sensación de cando tes un día de baixón e notas que poderías desaparecer e non pasaría nada». Esta curta gravouna en Naraío, a súa parroquia, Igrexafeita ou San Sadurniño. Tamén lle gusta escribir (gañou o segundo premio do certame de microrrelatos da RAG no 2019) e non hai moito que descubriu a maxia do teatro. De Naraío e San Sadurniño encántalle, sobre todo, «a xente». «Que os propios veciños se alegren por ti cando consegues algo é moi bonito», di.