Patrocinado porPatrocinado por

Rosa Quintana: «Non queremos armadores 'de sofá'»

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Xoán A. Soler

A conselleira do Mar cre que coas medidas aprobadas está disipada a ameaza das especies de estrangulamento

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa prohibición dos descartes, a frota vai ter que buscar saída a especies como o ichavo, o eglefino... Pero iso non preocupa a Quintana (Venezuela, 1959), que di que Galicia está afeita a buscar saída aos seus peixes. «Creo que non hai ningunha rexión en toda a UE que comercialice para o consumo humano tantas variedades: nas nosas lonxas véndense máis de 270 especies».

-Quedou xa libre a frota da soga de estrangulamento?

-Entendo que si. En Galicia temos hoxe arredor dun 90 % máis de posibilidades de pesca ca no 2009 e, ademais, as solucións que se buscaron no último Consello de Ministros van servir para que ningunha especie se converta en ameaza de estrangulamento para a frota e esta teña que amarrar antes de tempo. Para a maioría da frota creouse unha bolsa á que os países con cota achegan o 6 % das especies que España non ten; para outras capturas conseguíronse intercambios bilaterais con outros Estados, e no caso das artes menores entendemos que cos minimis e o novo modelo de xestión non vai haber dificultades para rematar o ano sen ter que amarrar.

-Nin sequera coa xarda, que anda moi xusta?

-Non, coa parte de minimis que se pode descartar, que é un 5 %, e coa posibilidade de descontala a cargo doutras especies para que si teñan cota, non creo que teñan problemas. En teoría, ningunha embarcación debería ver paralizada a súa actividade polo novo veto aos descartes. O máis importante é transmitir tranquilidade ao sector, aínda que cando se empeza algo novo sempre se xeran unha serie de dúbidas. Nós xa pedimos ao ministerio que envíe técnicos a Galicia para manter xornadas de información cos representantes do sector, para que transmitan esa tranquilidade, porque, en teoría, ningunha embarcación debería ver paralizada a súa actividade polo novo veto aos descartes.

-Entón, Galicia saíu ben parada do reparto de cotas?

-En liñas xerais, si. Sempre quedan algunhas eivas no camiño. Quédanos a dor de corazón de non poder conseguir a reapertura da cigala para o Cantábrico, pero vimos contentos porque puidemos frear o recorte da pescada do sur. Agora quédanos un traballo que facer dentro de España para chegar a acordos de reparto entre diferentes segmentos de frota e comunidades autónomas.

-Esa é outra! Divisa protestas?

-Creo que non, porque o sector xa se deu de conta de que hai que suprimir a pesca olímpica e ir á captura das especies cando realmente teñen valor. Temos unha experiencia que funcionou e dos seus erros temos que aprender para abordar unha mellor xestión.

-Pois o novo modelo non esperta moito entusiasmo. O sector di que alenta os armadores «de sofá».

-Temos que ser quen de mellorar todas as posibilidades de pesca que ten España. É difícil chegar a Bruxelas en decembro pedindo máis cota sen levar consumidas todas. Neste senso, algunha mellora xa se fixo cando en outubro se repartiron as cotas sobrantes entre a frota que era deficitaria. O que se pretende é aproveitar ao cen por cen as posibilidades de pesca e que todos os segmentos de frota vexan compensada a súa actividade, que non haxa un con cota que non a poida esgotar e outro sen ela ao que non se lle poida traspasar. Aquel barco non está gastando toda a súa cota, veremos como facer para esgotala.

-Expropiando? Porque se ten a cota en propiedade...

-Non, o que estamos dicindo é que hai que buscar o mellor modelo de xestión. Algunhas dificultades xa se foron sorteando, como o de que non se puidese traspasar cota entre distintos segmentos de frota, pero temos que seguir adaptándonos.

«Hai que apostar pola formación dual para que os alumnos se enganchen á profesión pesqueira»

-Pero haberá garantías de que ninguén vai acaparar máis cota da que pode pescar para evitar a especulación?

-Estamos intentando que non sexa así. Apostamos polo relevo xeracional e, por tanto, tes que dar posibilidades de pesca á xente que se queira dedicar a esta actividade. Non estamos de acordo con que existan armadores de sofá, pero aínda estamos iniciando eses traballos co ministerio e co sector. O sector tamén está presentando as súas alegacións ao proxecto de orde e tentaremos buscarlle posibilidades de pesca a todos os que se queiran dedicar a esta actividade.

-Que xa son poucos, polo que din os armadores. Cre que esa falta de relevo xeracional se resolve revisando as titulacións?

 -Non queremos rebaixar nada. O primeiro é a seguridade das tripulacións. Estase formando moita xente. Dende o 2009, aumentou a matrícula nas escolas un 50 % e máis de 1.500 persoas formáronse como mandos para traballar na pesca, polo que non creo que estea aí o problema da falta de relevo xeracional. O que estamos defendendo diante da UE é que non por ter un barco máis grande se vai pescar máis, e si permite ter máis comodidades: camarotes para dúas persoas, baños individuais, zonas de ocio..., cousas que farían máis atractivo ir ao mar a unha persoa moza, porque senón estamos vendo que, en igualdade de condicións salariais ou incluso por un pouco menos, prefiren quedar en terra. Hai que insistir nesa formación dual que se está poñendo en marcha para que os alumnos vaian coñecendo o traballo a bordo e namorándose desa actividade. En canto ao das atribucións, hai que buscar unha solución, pero o que non pode ser é que unha titulación de alto rango teña as mesmas atribucións que un que non ten os estudos feitos.

-Cuestión espiñenta agora que Galicia volve estar de loito.

-Certo. Non existe risco cero en ningunha actividade. Levabamos un bo ano, pero por desgraza pechamos con dous accidentes case consecutivos. Non me atrevo a facer valoracións. Hai unha comisión de investigación que está a estudar as causas dos accidentes, e espero que despois poidamos sacar conclusións e previr accidentes.

«O sector xa sabe que hai que superar a pesca olímpica e capturar as especies cando teñen valor»

-Mudou a postura da Xunta ao respecto da denominación de orixe para obrigar agora a retirar «Galicia» do mexillón sen selo?

-Non mudou. Entendemos que é bo apostar por unha calidade diferenciada. O que pasa é que nós tiñamos unha disposición de Bruxelas que dicía que a DOP non lle afectaba ao mexillón transformado, e esa postura mudou polas novas normas que din que si se lle aplica. Hai unha última sentenza que di cómo temos que actuar e a Xunta, coma sempre, non cuestiona as sentenzas, senón que as aplica. É difícil entender qué acontece para que outros consellos reguladores estean funcionando e no caso de Mexillón de Galicia teñamos discrepancias entre produtores, transformadores... Que pasa para que non todos se incorporen ao Consello? Non o sei, pero eu non podo obrigar a ninguén a integrarse. Á vez está a incógnita de como garantir a trazabilidade do produto non certificado.

«É absurdo que por unha sanción de 500 euros as confrarías perdan as axudas»

A caída do consumo de peixe si que preocupa á conselleira. Se xa se fixeron campañas dirixidas aos nenos, agora planea unha para os millenials, porque «é importante que a nosa xuventude tamén saiba valorar o bo que é consumir proteína de orixe mariña».

-Hai confrarías ás que se lles están negando axudas para vixilancia e outras. Din que van ter que pechar e deixar as chaves en San Caetano. É así?

-Non. Xa se falou cos patróns maiores afectados e pedíuselles que recorreran a denegación da axuda. O artigo 10 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) recolle que aqueles que teñan unha infracción grave por pesca ilegal (e coller ameixa de talla antirregulamentaria é unha delas) non poden ser perceptores de axuda, por máis que teñan pagada a sanción. Dende Galicia entendemos que esa interpretación que lle dá Bruxelas supón unha dobre sanción, un castigo dobre que non ten encaixe no Dereito. Iso é o que lle estamos pedindo á Comisión, que cambie a interpretación tan rigorosa. Estamos na mesma liña de pensamento ca eles. É absurdo que por unha sanción de 500 euros teñas que perder unha axuda que repercute en todos os socios dunha confraría. Isto o sector xa o sabía, e pedíuselles que estivesen atentos, porque nós non podemos saltar esa penalización. Necesitamos que a Comisión faga unha interpretación axeitada do artigo 10.

-Por que non se recupera a nómina de mariscadores? Hai problemas para o relevo xeracional.

-Hai moita demanda de permisos de explotación, pero nós somos moi cautos á hora de dar novos permisos. Non queremos dar entrada a todo o mundo sen que realmente teñan a posibilidade de gañar un salario mínimo. Levamos tempo traballando en rexeneración de zonas improdutivas para dar cabida a máis mariscadores. Pero demanda si hai. Recordo que cando se ofreceron 75 novos pérmex para os bancos de Pontevedra presentáronse máis de 500.

-Cre que son inocentes as alertas periódicas sobre o anisakis?

-Non quero mentir. Non sei por qué saen. Só sei que saen en España, cando o peixe é capturado por frotas de diferentes países coa mesma orixe, e sempre coincide con aquelas épocas de maior demanda de peixe. Se é interesado ou non, non me atrevo a dicilo. Pero se consome o peixe coma toda a vida non hai problema, e se se come cruhaiunha recomendación de que antes sexa conxelado. Quizais deberiamos insistir todos neste tipo de mensaxe.