«Acabas collendo afecto aos clientes»

Fernando Boo e Paula Lago, matrimonio de taxistas de Xermade, afirman que no seu traballo tamén dan compaña a xente maior que vive soa


VILALBA / LA VOZ

Cando un concello perde poboación, tamén diminúen outros servizos. En Xermade chegou a haber seis licenzas de taxi, e hoxe só hai dúas en activo. Porén, Fernando Boo e Paula Lago, que ademais son matrimonio, din estar contentos co seu traballo, con especial satisfacción da relación cos clientes.

Pregunta. É distinto o traballo que fan vostedes ao que se pode desenvolver nunha cidade?

Fernando Boo. É mellor ca nunha cidade, sobre todo pola xente, polo trato coa vila, polo amables que son... Póñencho todo moi doado, tanto a xente como o Concello. Case nos axudan eles a nós máis ca nós a eles. Non temos queixa de ninguén.

Paula Lago. No fondo somos todos unha familia. Hai xente soa coa que te implicas moito. Acabas collendo afecto aos clientes. Hai persoas que están soas; vas ao hospital, e pídenche que entres con eles: acabas sendo o seu confidente.

P. Iso, supoño, é unha satisfacción. Supón tamén unha maior responsabilidade?

F. B. Cando levas xente contigo, a responsabilidade é sempre túa e tes que cumprir cos teus clientes. Pero tamén levas un cliente á casa, chegamos e diche «pasa tomar un café»; e tes que tomalo.

P. L. A maioría é xente que che dá as grazas. Levas unha persoa a unha operación, e non é a primeira vez que esperas para ver como sae; ao día seguinte chamas para preguntarlle como está, e agradécecho eternamente, porque moitos teñen falta de agarimo e de atención.

P. Son xa case parentes ou confidentes dos clientes?

F. B. A eles, aos clientes, témolos xa coma xente da familia, nin máis nin menos.

P. L. Si, si.

P. Dá máis confianza unha muller para unha viaxe?

P. L. Si. Nunha primeira vez chámanme antes a min.

F. B. Si. É certo. Estou orgulloso de que a chamen: quere dicir que fai ben o seu traballo.

P. Hai intimidade cos clientes, tendo en conta que non é unha relación coma nunha cidade, onde un pode coller un taxi unha vez e se cadra non ver nunca máis ao taxista?

F. B. Pódenche contar unha cousa que ao mellor non lle contan á familia.

P. L. Ao mellor pídenche consello porque ves as cousas dende fóra. Pero é segredo de confesión. Eu non llas conto a el [refírese ao marido].

P. Conducen igual as mulleres ca os homes?

F. B. Conducen mellor as mulleres: son máis pacientes [ela ri]. É verdade, non teño por que contar mentiras. Nós axiña tocamos a bucina.

P. L. Si. É verdade.

P. É difícil pasar de asalariado a autónomo?

F. B. Traballas para ti. É máis cómodo; estás máis libre.

P. L. O que fas falo para ti.

P. É difícil resistir no traballo de taxista nun concello como Xermade, onde non medra a poboación?

F. B. Non. Grazas a Deus a xente confía en nós. Supoño que será tamén porque nos portamos ben.

P. L. Hai xente que traballa no campo. Chaman a seus pais a unha consulta e dinche «podes levar a meu pai ou a miña nai?». Saben que os deixan en boas mans. Se non fose así, non volverían chamar; e chaman outra vez.

P. Perdéronse algunha vez polas pistas dunha parroquia?

P. L. Non. Como hai teléfonos móbiles, preguntas e xa está.

F. B. É xente amable, colabora ben contigo.

P. Cambiarían o traballo por outro?

F. B. Non, nunca.

P. L. Non. É o mellor que puiden facer. E quero dicir unha cousa: o señor ao que lle comprei a licenza, Pepe de Cabreiros, sempre me di «se non sabes, chama»; presentoume xente e tenme acompañado a algunha casa.

P. Son vostedes, polo contacto coa xente, os que máis saben do que pasa en Xermade?

F. B. Si. Pero o que che contan queda no coche.

P. L. Si. Ás veces, ata che contan cousas de xente que non coñeces.

«Teño días libres, pero, se me chaman, vou encantada»

Fernando Boo ten tamén concertado o transporte co Sergas, o cal supón que leva xente con problemas renais a hospitais e, se nunha fin de semana non traballa, ten que atopar outro profesional que posúa un coche adaptado. Iso explica que practicamente non teña días libres. Paula Lago comenta que o seu caso é un pouco distinto. «Eu téñoos [refírese aos días libres]; pero, se me chaman, vou, e vou encantada».

Non sorprende, pois, que os quilómetros percorridos ao longo do ano sumen milleiros e milleiros. Fernando Boo di que a súa media anual pode situarse polos 120.000 ou 130.000. Paula Lago non fai esa mesma conta, pois comezou a traballar en maio do 2018; pero dende entón xa percorreu máis de 40.000.

Clientes que van ao médico, pero tamén a festas de verán, ao FIV e ao Resurrection Fest

Hai xente maior que emprega o taxi para ir á consulta dun médico ou a unha oficina. Pero nin eses, como explican estes dous profesionais, son os únicos clientes, nin tampouco faltan viaxes programadas por outras razóns. «As fins de semana os rapaces chaman», afirma Fernando Boo. Paula Lago di que hai clientes que empregan o taxi para ir a unha despedida de solteiro ou de solteira ou a festas, sexan as de Castro de Ribeiras de Lea, as de Vilalba ou as dalgunha vila da Mariña. Tamén recollen, en casas de turismo rural de Xermade, clientes que van ao FIV (Festival Independente de Vilalba) ou ao Resurrection Fest (Viveiro).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Acabas collendo afecto aos clientes»