Cantares de Vilalba para toda a Terra Chá

Santiago Mato Vizoso puxo acompañamento musical a moitos versos escritos polo seu irmán Manuel


Que Vilalba foi berce de músicos é sabido. Tamén o foi de cantores, que a xente si que canta na Terra Chá. Durante os séculos XIX e XX tanto a banda municipal acudindo a solemnidades, coma as orquestras amenizando verbenas ou os cuartetos de gaitas interpretando aires do país tiveron o seu lugar nas festividades. De entre todos os protagonistas das actividades musicais hoxe destacamos unha figura diluída no tempo: a don Santiago Mato Vizoso, compositor que puxo notas aos versos do seu irmán Manuel.

Segundo consta en antiga documentación, os irmáns Mato Vizoso, Manuel e Santiago, foron autores de pequenas pezas teatrais, apropósitos así chamadas, que se

representaban en veladas literarias, aquelas reunións que servían de goce e lecer para a mocidade vilalbesa e forasteira. Nestas creacións literario-musicais era Manuel o autor do argumento e dos textos e Santiago encargábase de compoñer a música dos cantos que, interpretados, formaban parte do argumento.

Andando o tempo o apropósito mellor gardado no recordo, e que máis se representou entre 1899 e 1930, foi o titulado Juan Soldado ó El repatriado de Cuba. En verso galego e castelán, e moi ao noso pesar, aínda non mereceu edición e estudo adecuados nin ten o lugar que lle corresponde nos

estudos da literatura galega. Parella aos apropósitos son autores dunha peza que, estreada en 1897, era de obrigada interpretación naquelas veladas literarias do primeiro terzo do século XX. Titulárona Maruxa ou Os Cantares de Villalba e levaba como aclaración: «Potpurri compuesto

con aires de esta localidad. Letra de M. Mato. Música de S. Mato. Compuesto expresamente para el ‘Orfeón Villalbés nº 2’ a quien lo dedican sus autores. Villalba, enero 4 de 1897».

Idas e voltas amorosas

Os Cantares divídense en sete pezas enlazadas polo argumento das idas e voltas amorosas que sempre existiron, e existen, entre mozos e mozas. Inícianse cunha

introdución chamando ao canto alegre da xente nova que se xunta. «Este son que hoxe cantamos / o fol da gaita o gardou, / e na terriña en que estamos / polo eidos alegrou. // E entre os verdes castiñeiros / en festexos e foliós, / os seus chíos feiticeiros / bailaron nosos avós...». Son amores que se enredan por ser ou non ser correspondidos: «Sólo por Pepe relouca Rosiña / e de Cristovo amores non quer. / Mórrese Pepe pola Maruxiña / moza garrida que n’o pode ver». As penurias daquel fin de século fanse presentes: «Hoxe da terra, por mor da guerra, / vanse os rapaces servir o rei. / Non hai no pobo ningún Cristovo; / Rosa e Maruxa, que vos farei!».

Unha resposta airada pon de manifesto que hai amores non correspondidos: «?Vaite de aí Pepe?, lle dixo Maruxa; / porque os teus rogos mella non me fan; / se á miña porta es ti quen atruxa / cerro o poxigo e céiboche o can».

Continúan os Cantares coa primeira muiñeira na que dialogan dúas rapazas: «Ontes Maruxa pola carrilleira / coa túa veciña palrabas tristeira. / ?Ai! Xa non queda, magoada decías, / quen darnos poida unha volta nas fías». 

Ironías

Na segunda muiñeira a amiga responde ás queixas, ironiza sobre os habaneiros altivos que mostran fachenda do que carecen e aconsella conservar o que hai: «Se che pracen dos que veñen con tovías a xoular / nas romaxes ou nas festas / algún te ha de acompañar... // Xa que te ronda e garima Pepiño; / pra que lle torces, rapaza, o fuciño?».

Na seguinte peza, unha iota, exáltase o baile: «?Bailando como ti sabes / da roupa millor vestida / ó son da iota nas festas / quen te vira tan garrida! // Cando che cinguen, Maruxa, / o teu dengue e o teu mantelo, / dá pasmo verche dar voltas / movendo a trenza do pelo».

A esperanza intrínseca a unha alborada faise presente: «?E se escoitas a alborada, / Maruxiña has de acudir; / a ventá deixa arrimada / pra que nos poidas oír... // Non te quedes preguiceira, / ponte logo na ventá, / que alborada garimosa / ás meniñas se lle dá». Un aguinaldo posto en boca dun mozo loa as vilalbesas: «Un rapaz de lonxe / parouse a mirar / prás garridas mozas / que ían pasear; / e en Portugale che dixo / así que as viu aquí: / ?Nesta vila heime casar eu».

Rematan os Cantares de Vilalba coa alegría e o ritmo vivo dun maio no que se gaban os amores de mozas e mozos en chegando a primavera, asunto este que continúa a vella tradición de trobadores e xograres da literatura galega medieval: «Aí vén o maio / o

maio aí vén ... // E andaba o maio / cuberto de flores / cando as meniñas / brindaban amores... Porque no maio / que canta hasta o cuco, / vense de cote / Maruxa e Farruco. // E a rula, e a rula, / pasiño a pasiño / vaise poñendo / da iglesia a camiño».

Crítica social

Ademais do tema amoroso presente nos Cantares, hai dous asuntos que se aparecen transversalmente para crítica da realidade social de fins do século XIX. Un é a penuria que causa nas aldeas a ausencia daqueles miles de mozos que se mobilizaron para levalos ás últimas guerras de ultramar. Outro é o dos americanos figuróns e presuntuosos que regresaban pensando conquistar algunha moza que tivese bo dote e lograr así a fortuna que a emigración lles negara.

Ambos asuntos tamén son tratados, con maior crueza e realismo, en Juan Soldado. Tal vez fose tempo de recuperar as creacións musicais e literarias dos irmáns Mato Vizoso, don Santiago e don Manuel. O tempo que lles tocou vivir foi adornado polas súas creacións que sempre, sen interese económico, puxeron ao servizo do divertimento da veciñanza e que despois de máis de cen anos parecen estar condenados ao esquecemento. Quen non gardase o pasado na memoria nin valorase os antepasados que o protagonizaron, ben poderá ser esquecido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cantares de Vilalba para toda a Terra Chá