A raíña dos partos, o anxo das mulleres

ANA L. CILLERO / M.C. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Cedida

Concepción Braña exerceu a súa profesión de comadroa en Vilalba durante 40 anos, collendo nas súas mans a tres xeracións

07 ago 2019 . Actualizado a las 13:31 h.

Nunha época na que era difícil poder estudar, nun momento da vida no que o mundo do campo era o principal para pode subsistir e os fillos se consideraban man de obra, Concepción Braña Rey converteuse nunha das chairegas máis importantes da historia de Vilalba. Nada no ano 1900, esta muller axudou a que miles de meniños do concello vilalbés visen a luz cando non había todas as facilidades que hai agora.

Dela pódese dicir que aprendeu o oficio vendo a súa nai, que se chamaba Dolores Rey. Dolores ía a Ferrol como ama de cría e Concha ía con ela. Sobre todo, foille de utilidade cando Dolores sufriu un trombo, daquela chamado alferecía, e isto fixo que perdera parte da mobilidade nun dos brazos. «Igual foi con ela tres ou catro anos», explica María Esther Álvarez, filla de Concha. Ademais disto, como Dolores ía axudar a diversas casas, nunha delas déronse conta das capacidades de Concha. «Na casa dos Basantas, Don Eugenio díxolle de ir estudar a Santiago porque a vía moi capacitada, que se quería seguir neste mundo tiña que estudar porque co tempo ía ter que presentar documentacións ou certificados que acreditaran o traballo, e que por iso mesmo ía necesitar o título», comentaba María Esther.

Vida profesional

Estes foron os inicios da carreira profesional de Concha, de Concha da Reina. Un nome que lle viña do propio apelido de súa nai, á que lle chamaban «a reina» ao apelidarse Rey, e que herdou a súa filla. Aínda que a filla de Concha incide en que por este nome só era coñecida na propia vila, xa que nas parroquias todo o mundo lle chamaba Dona Concepción.

Concha foi das primeiras mulleres graduadas cun título universitario. No ano 1925 xa era matrona oficialmente con todos os estudos correspondentes realizados. Daquela reinaba Afonso XIII, e o seu título foi expedido por este, ao xeito do que pasa agora. Estudou no Hospital Xeral, lugar que agora é o Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.

Concha da Reina non foi nunca unha muller selectiva e axudaba a todas as clases sociais. Nunca mirou nada máis que non fose atender unha gran necesidade que existía na época, debido ao gran número de nenos que nacían. Pasou moitos anos que non cobraba nada.

O seu fillo Olegario así o comenta: «Ás veces apartaba un pouco do azucre que tiñamos nós na casa para levar a algunha casa. Ela vía a necesidade que había alí e en vez de cobrar aínda lles levaba», comenta, orgulloso da labor de súa nai e engade que eles non eran unha familia rica nin moito menos, pero que súa nai facía as cousas de corazón. Do mesmo xeito, unha das súas netas, Esther Álvarez, comenta que unha vez unha familia moi necesitada lle quixo dar un xamón como pago, e ela cortoulle un anaco para que o xamón non valese para vender e así llelo deran de comer aos máis pequenos.

Desprazábase no que podía ás parroquias: burro, cabalo, carro de vacas... E o tempo tampouco importaba. Ao principio, quedábase ata 15 días na casa da parturienta para axudarlle a recuperarse o antes posible. Só lle pagaban arredor de 2.000 ou 3.000 pesetas ao ano -polo seu emprego de comadroa do Concello-, e en varias ocasións recibiu ofertas de tocólogos madrileños para ir traballar con eles, opción que negou repetidas veces. «Eles dicíanlle que se fora a Madrid, que era moi intelixente e estaba moi experimentada», comentaba a súa filla María Esther.

Tamén, malia que os seus fillos non se lembraban, Concha aparece na acta de constitución do Colexio de Practicantes e Comadroas de Lugo do ano 1929.

Carácter

Esta muller de cabelo rubio foi sempre unha muller humilde e moi delicada, como di a súa filla, debido a que sempre comía pouco e á deshora. Pero non por isto ía deixar de ter unha personalidade moi marcada. A súa neta Esther sinala que foi unha muller asertiva, que reclamaba o seu, cunha parte humana que está claramente reflectida no seu traballo pero tamén unha parte feminista. Os méritos de ter un neno sempre ían para o home, e era este o que comía os mellores pratos de comida, o que Concha non vía ben e ela «ía movendo os fíos para que ao final comera iso a muller», comentaba Esther. Naquel tempo, ela reclamou para lograr unha equiparación salarial entre homes e mulleres por facer o mesmo traballo. Do mesmo xeito, Olegario explicaba que para ela o seu traballo era como o dun cura: nunca contaba nada do que pasaba.

Necesidade de recoñecemento

Malia traballar 40 anos e que polas súas mans pasaran tres xeracións de vilalbeses de todas as clases sociais, sen pasar tempo coa súa familia e case sen cobrar, as institucións non se lembran dela. É unha muller gardada na memoria de moitos que esixen recoñecemento por parte do goberno municipal, ben outorgándolle o nome dunha rúa ou incluso, mellor, dándolle o seu nome ao centro de saúde por facilitar, e nunca mellor dito, a vida na localidade vilalbesa.