A nova hora que chegaba a Vilalba

XOSÉ ANTÓN POMBO

VILALBA

PALACIOS

08 feb 2025 . Actualizado a las 22:17 h.

En 1872, 8 de setembro, o alcalde e farmacéutico, Andrés Basanta Olano, comunica aos concelleiros que se recibira un telegrama do conde Pallares e do seu fillo e deputado pola circunscrición de Lugo, Germán Vázquez de Parga y de la Riva, dando noticia de que o ministro de Gracia y Justicia, Fernando Cos Gayón, concedera os fondos necesarios para rematar a igrexa parroquial: 24.733 pesetas. Tan fausto acontecemento foi proclamado con foguetes e música das bandas polas rúas da vila.

As obras, xa se sabe, reiniciáronse con dilixencia e marcouse o San Ramón do ano seguinte para consagrar a nova igrexa. E para ben ser cumpría dar solución ao asunto do reloxo público de titularidade municipal. No século XVII arrimáraselle unha torre á vella igrexa románica para albergar un reloxo público que, a dicir de crónicas, procedía do arsenal de Ferrol. Pero xa próximos ao ano 1900 a vella maquinaria estaba gastada e requiría moita atención.

Dispúxose, pois, mercar un novo. En abril de 1893 comisionouse a Santiago Mato, reloxeiro e iniciador dunha saga de reloxeiros que perdura, para que na Coruña estudase cal sería o mellor sistema de reloxo público para Vilalba. No mes seguinte solicítase ao bispo de Mondoñedo permiso para poder instalalo na torre esquerda, saíndo da igrexa, e para atender á súa conservación; permiso que se concede.

Ao tempo encoméndaselles aos concelleiros Vicente Peña e Francisco Souto o xestionar a compra e instalación do reloxo xunto cunha campá nova, grande, para as horas e as escaleiras de acceso, todo mediante poxa. A campá existente reservábase para os cuartos.

Os meses avanzaban e as obras continuaban. A vila poñía galas para as festas: reparáronse algunhas rúas, déuselle cal ao cárcere e aprobáronse 50 pesetas para contribuír aos actos de consagración da igrexa naquel San Ramón de 1893. Desde o 17 de agosto as horas de Vilalba eran marcadas polo novo reloxo fabricado na rexión suíza do Jura.

Cumpridos os requisitos a satisfacción, o Concello pagou a don Santiago Mato as 4.000 pesetas asignadas. Foi, aínda é, un reloxo de calidade que cos coidados debidos chegou ata os nosos días, e que no futuro aínda nos recordará o axioma latino tempus fugit. O concelleiro Miguel Hermida propuxo que o antigo reloxo fose trasladado á torre da igrexa de San Simón, pero rexeitouse a idea por ser custoso o instalalo, por non existir alí quen o atendese e porque o Concello estaba en necesidade económica e pretendía vendelo.

Naquel 1893 outras ocupacións estaban presentes na vida municipal. Os concellos xestionaban as levas de mozos que cada vez eran máis necesarias por mor da inestabilidade en Cuba. A Facenda do Estado requiría aos concellos que achegasen os impostos sobre os alcohois e o de Vilalba manifestaba que non podía recadar por ese concepto por ser vila pobre e os taberneiros ameazar con pechar.

O mestre de nenos, Manuel Jubero, dirixíase de xeito irrespectuoso ao Concello reclamando unha vivenda mellor que a asignada. Facíanse casas na zona de San Roque e na Ferrería. Pedíanse licenzas para construír ‘nichos de tres ojos’ no cemiterio católico, trasladado á zona dos Castros e acabado de inaugurar, e pagábanse 50 pesetas por cada un.

Nos proxectos de amaño dos camiños prestábase especial atención á reconstrución das pontes deterioradas: a de Mata a Páxara, en Guntín-Sancovade; a de Santa Eufemia, entre Santaballa e Lanzós; a de Rebordaos en Insua; a pontella da Veiga en Ladra...

Antonio Guntín Vázquez realiza sondaxes para atopar auga que servise para a fonte pública que se pretendía construír na praza do Castelo. José Martín Maguregui dá por finalizado o arrendamento de locais para o xulgado e pide permiso para realizar obras na casa coñecida pola Vizcaína. O xulgado debe buscar novos locais e temporalmente celebra os xuízos no salón de plenos do Concello. Destínanse 10 pesetas para que José Cazón Prieto, oficial do Concello, merque dous queixos de San Simón para mandar á exposición universal de Chicago dese mesmo ano.

Antonio Pereira realiza obra en ferro para soster catro novos farois de alumeado público. Débese recorrer á vía de constrinximento para que algúns contribuíntes satisfagan as cantidades que adebedan, algún desde hai sete anos. O sereno ou garda municipal, Joaquín Gonzalez Pardo, renuncia ao cargo que ocupa e marcha para Cuba.  En decembro, coa finalidade de mellorar a raza dos cabalos do país, o exército pon unha parada de cabalos sementais en Campo Redondo. En agosto a Dirección xeral de Instrución Pública do Estado aprobaba o expediente para construír unha casa de escolas nesta vila e asumía 19.529,31 pesetas, o 50% do orzamento, mentres que a Deputación Provincial poñería outro 25%, e o Concello, o restante 25%. A comunicación, datada en agosto, viña asinada por Benigno Quiroga López-Ballesteros, polo conde Pallares e por Germán Vázquez de Parga y de la Riva.

Para facer fronte ao que lle correspondía, o Concello procedeu a vender terreos sobrantes do trazado da estrada en Campo de Puente e ben axiña se iniciaron os trámites de buscar soar adecuado. O que mellor conviña foi o que ofertou José Ramón Varela Portas, de Lugo, na cortiña dos Castros, de 1.230 metros cadrados e de 5.000 pesetas de custo.

Tiña ademais as seguintes condicións: abriríase a fachada do edificio ao campo da feira; na parte traseira as luces estarían protexidas por reixas; permitíase construír ao vendedor no solar restante; o vendedor cedía para o Concello oito metros por cada un dos lados nacente e poñente. Mercada a parcela con cargo ao 25% do Concello, procédese á poxa da casa de escolas por un orzamento total de 32.282,20 pesetas.

E para que nos fagamos unha idea do que todas estas obras supuxeron como investimento, recordamos que aquel ano unha fanega de trigo valía 15 pesetas; un quintal de patacas, 2; un carneiro, 6, e un par de capóns, 11.  En setembro anúnciase que, mercé ás xestións realizadas por don Fernando Cos-Gayón e polo conde Pallares, Vilalba seguirá sendo sede do xulgado de primeira instancia. Como agradecemento ás xestións realizadas o concello de Vilalba acorda que a estrada de Lugo ou da Liberdade pase a denominarse Cos-Gayón e que a estrada de Baamonde sexa denominada Conde Pallares, nome que aínda conserva na actualidade.

Santiago Mato, reloxeiro da vila, foi comisionado para ir á Coruña e estudar

a adquisición

O nome de rúa do conde Pallares para a estrada de Baamonde acordouse en 1893