Sarria honra ao trobador Martín de Padrozelos

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

Acto de presentación da exposición sobre as cantigas de Martín de Padrozelos
Acto de presentación da exposición sobre as cantigas de Martín de Padrozelos cedida

A antiga prisión acolle unha exposición das cantigas do autor medieval natural de Samos

03 may 2021 . Actualizado a las 11:20 h.

As cantigas do trobador medieval Martín de Padrozelos regresan á terra que o viu nacer, aló pola segunda metade do século XI. Unha exposición, didáctica e itinerante, honra a memoria deste autor, dos primeiros da lírica galega, e pode verse ata o día 21 na Antiga Prisión Preventiva de Sarria.

De amor e de amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, é o titulo da mostra, na que se recollen dez cantigas, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa), co patrocinio da Xunta. Segundo o comisario da mostra, o xornalista, escritor e divulgador Luís Celeiro, «trátase de honrar aos antepasados e sacalos do esquecemento. É un acto de recuperación e coñecemento da nosa historia, da historia literaria de Galicia e dos intelectuais que viviron nestas terras». As cantigas deste trobador, no dicir dos investigadores Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña, son as primeiras cantigas coñecidas en lingua galega. Nove son cantigas de amigo e unha, de amor. As dez cantigas de Martín de Padrozelos están recollidas nos Cancioneiro da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa.

Ao parecer, este trobador naceu na segunda metade do século XI e morreu a principios do século XII. Segundo indica o profesor Pardo de Neyra, era Martín Pérez, de Praducelo, da parroquia de San Xoán de Lóuzara, en Samos, onde perdura unha casa co seu nome. Nas súas cantigas cítanse topónimos coma San Salvador ou Valongo, os dous pertencentes ao Val do Mao, no concello do Incio.

Tralo paso por Sarria, a exposición chegará a Láncara, onde estará, na Pobra de San Xiao, do 22 de maio ao 3 de xuño. Despois irá a Paradela, no Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López, do 4 ao 15 de xuño. E de aí seguirá o recorrido polos concellos de Triacastela (do 18 ao 29 de xuño), Samos (do 2 ao 21 de xullo), O Incio (do 22 de xullo ao 5 de agosto), Folgoso do Courel (do 6 ao 17 de agosto), Portomarín (do 19 ao 30 de agosto) e Pedrafita do Cebreiro (do 1 ao 11 de setembro).