Leiras con repolos, tomates e ideas en Sarria

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

A Granxa de Barreiros, creada hai máis de 80 anos, mantén o seu trazo agrario

15 jun 2020 . Actualizado a las 20:00 h.

Se unha explotación agrícola ou gandeira está rexistrada no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega), resulta doado supoñer cales son os criterios polos que se rexe o traballo diario. Pódese afirmar, pois, que a Granxa de Barreiros, situada no concello sarriao, cumpre esa condición, pois está recoñecida polo devandito consello.

Na institución, que ten máis de oitenta anos de historia, hai un trazo ecoloxista que vai máis alá de trámites e de inscricións. Antonio Fernández, coñecido tamén por ter fundado en Lugo o Colexio Fingoi, sempre se interesou por unha agricultura respectuosa coa terra, como lembra Laura García Recio, coordinadora de actividades ambientais da institución.

A granxa ten unhas 20 hectáreas de superficie, aínda que non toda esa extensión se dedica á agricultura. Cultivos de horta teñen a súa presenza segundo os distintos momentos do ano: repolo, tomate, cenoria ou pemento son algúns deles. Cómpre ter en conta que o clima de Sarria, con invernos máis ben fríos e con noites frescas mesmo fóra do inverno, impón algunhas condicións, polo que o crecemento, di García Recio, non é igual ca noutras comarcas. Os produtos son de temporada, e do seu cultivo encárgase un grupo de traballadores dirixido por un capataz.

Tendo en conta o que se fai e como se fai, semella que as ideas de Antonio Fernández botaron raíces e esas raíces seguen a dar froitos. O resultado vese ben: a produción úsase aínda para alimentación na granxa, que acolle visitas didácticas durante a maior parte do ano e campamentos no verán, pero tamén se vende en tendas de Sarria ou de Lugo.

O interese polo ecolóxico nótase fóra da granxa, pois a produción medra. A aposta ten como resultado que a produción da granxa pode atoparse agora en máis sitios ca hai uns meses, segundo conta García Recio; pero xa non só se manda a tendas, senón que tamén se vende nas instalacións. A idea de cultivo de proximidade semella clara, pero é o resultado de adaptarse ao interese dos clientes. Había persoas que pasaban pola granxa e preguntaban se poderían comprar, por exemplo, una leituga, como lembra García Recio; agora fan os encargos e recóllenos.

A produción ecolóxica é algo máis cara, como ben recoñecen os responsables da institución. Os que a compran fano porque desexan consumir hortalizas colleitadas sen elementos químicos, e neste caso, quizais sen sabéreno, tamén levan para a casa una parte das ideas coas que Antonio Fernández comezou este proxecto hai algo máis de 80 anos.

Visitas e estadías que explican un modelo pedagóxico

O covid-19 e o estado de alarma influíron na vida cotiá de moitos países do mundo neste 2020. Ata a parroquia de Ortoá chegaron as consecuencias desa situación, de maneira que as visitas están interrompidas. O que se fai nas visitas pedagóxicas e nos campamentos é explicar un modelo de traballo e unha maneira de relacionarse coa contorna en particular e coa natureza en xeral. Na granxa hai tamén animais, e véndense, por exemplo, os ovos.