Patrimonio lucense

SARRIA

Antes de empezar a escribir sobre Guillermo Peinó fixen unha procura en Google, onde un se pode documentar sobre todo ou sobre case todo, para comprobar o que había na rede do compañeiro fotógrafo. Non conseguín atopar nada que puidese adornar estas liñas, salvo algunhas referencias no contexto do cincuentenario de La Voz de Galicia en Lugo. A inmediata conclusión á que cheguei: Lugo e os lucenses fomos moi inxustos co fotógrafo que durante décadas puxo imaxes ao xornal que está moi preto de converterse no terceiro de España, e a unha provincia á que lle deixou unha gran cantidade de testemuños gráficos da súa historia de parte do século pasado.

Agora que está tan de moda recuperar as imaxes antigas, a firma de Peinó non aparece en ningún

lugar, nin a súa referencia. O arquivo de Vega coñecémolo todos; Juan José tamén deixou ampla documentación, máis a través dos seus retratos de estudo, que quizá que da súa colaboración nos medios. Pero Peinó, onde está Peinó?

A responsabilidade de que non recibise durante anos a merecida homenaxe da sociedade lucense en boa medida é do propio Guillermo Peinó, que non lle deu importancia ao traballo que realizou durante décadas, nin lle gustaba presumir diso. E é que, polo menos cando eu o coñecín -o noso primeiro traballo conxunto foi o especial do San Xoán de Sarria do ano 1984, no que a súa colaboración foi inestimable para pasar a proba de lume do delegado, Paco Campos- era unha persoa sinxela, sabía, coa sabedoría que dá a experiencia, e xenerosa porque nunca dubidaba en compartir os seus coñecementos cos novatos.

Se Google existise naquela época, con Peinó non faría falta recorrer ao buscador. El tiña na súa memoria os ficheiros das persoas ás que retrataba, e era unha gran fonte de documentación dos xornalistas que iamos con el. De documentación, e de axuda. «Bótalle un cable a esta rapaza»; era unha das súas frases que rompían barreiras cando algún dos seus coñecidos ou non poñía algunha traba.

Agora esta xa non tan rapaza e o resto dos compañeiros que traballamos con el reivindicamos publicamente a Peinó e á súa obra. Queremos recordar Lugo a través do obxectivo da súa cámara.