Unha vila moi doce

Xaime López Arias SARRIA

SARRIA

Crónica | Os galleteiros de Sarria Nos anos vinte e ata a década dos oitenta houbo no concello unha grande actividade no negocio das galletas. A aparición de grandes produtoras en Castela acabou con elas

23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

PUBLICIDADE ORIXINAL. As fábricas de galletas de Sarria facían publicidade para dar a coñecer os seus produtos As novas xeracións descoñecen que en Sarria houbo unha forte actividade na produción de galletas que gozou de fama pola boa calidade dos seus produtos. Algo debeu valer o exemplo de Matías López, con fábricas en Madrid e El Escorial, e do seu sobriño Venencio Vázquez, con fábrica en Madrid, para que algúns sarriaos apostasen pola produción de galletas, melindres e outros doces, montando en Sarria fábricas de tipo medio que, de non ser polo trauma da guerra e a escaseza de produtos, cecais se tivesen consolidado. O certo é que os seus produtos gozaron de moi boa acollida e que o nome de Sarria foi coñecido en moitos lugares, sempre asociado ás lambetadas por eles producidas. Era unha boa tarxeta de presentación. Ferrocarril No nacemento e desenvolvemento da industria galleteira na vila xogou un papel importante que Sarria contase con estación de ferrocarril, circunstancia que tamén facilitou que na Pobra de San Xiao se instalase outra galletería. Foron varias as fábricas que entre 1920 e 1980 endulzaron a vida de xerazóns de sarriaos e clientes de moitas localidades galegas. La Dulce Alianza, de Néstor González, na rúa do Porvir. Instalada nas naves onde anos atrás funcionou a escola taller, nos anos 1920 e 1930 destacou polas ricas galletas, biscoitos, caramelos e mantecadas, só foi interrompida a súa produción como consecuencia de adversas circunstancias económicas, que levaron ao abandono da actividade e á perda do seu patrimonio. Desaparición na que tamén xogou certo papel que a ideoloxía do seu titular fose mais aberta cos tempos duros en que se produciu o peche. Outra industria galleteira con orixe nos anos 1930 no Concello foi a empresa La??????Sarriana, de Matías Loureiro Alvaredo, no número 4 da rúa Maior, que estivo, xa como docería, en funcionamento ata o 2005. La Nueva Industrial, de Venancio López, na rúa Músico Chané, estivo activa ata a década de 1950, comercializando galletas e doces. El Postre Madrileño, de Fulgencio López, que na posguerra se anunciou en algunha ocasión como El Postre Modosiño, na rúa Diego Pazos, foi tamén fábrica de galletas e caramelos, pervivindo ata os anos 1970 xa como pastelería. La Ideal Gallega o Galletas Arrabal, de Basilio Barreal, na rúa Calvo Sotelo, foi a que estivo activa máis tempo, vendendo os seus produtos por toda Galicia, gozando de aprecio os seus produtos pola súa boa calidade. Houbo outras razóns sociais de menor entidade, unha a coñecida como El Buen Gusto na travesía da igrexa, e xa como docerías as chamadas de Pizarrillo (rúa Maior), Pallares (Diego Pazos) e Secundino (José Antonio). A aparición de grandes produtoras en terras de Castela e Madrid, con medios publicitarios e presentación esmerada, deron remate a produción galleteira de Sarria e da Pobra de San Xiao. E dos galleteiros de Sarria xa poucos se acordan.