Albergues de pago

SARRIA

TRIBUNA | O |

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

OS ALBERGUES públicos de peregrinos da comarca de Sarria, e os de todo o Camiño Francés, e os das outras rutas xacobeas, poden ingresar unhas importantes cantidades de euros cando se suprima a gratuidade que se viña aplicando ata agora nestes establecementos. Diñeiro suficiente para crear un certo número de empregos estables, algo do que este país, evidentemente, non está sobrado. A decisión de cobrar entrada aos usuarios destas hospedaxes, por tanto, non debería dar pé a moitas discusións, aínda que algún que outro peregrino poida rosmar un pouco cando se vexa obrigado a soltar tres euros pola dormida. Coa fin da gratuidade dos albergues xacobeos termina unha situación de excepcionalidade que xa estaba durando de máis. Ofrecer hospedaxe gratis para popularizar unha ruta histórica e atraer visitantes pode estar xustificado durante un certo tempo, durante uns meses ou durante un ano cando moito. Mais un período especial de promoción non pode durar eternamente. Non hai ningún negocio que estea de rebaixas durante os doce meses do ano e un ano atrás doutro. Unha cousa é ofrecer aloxamentos a prezos módicos e populares; outra cousa é gastar unha considerable cantidade de cartos públicos en construír e manter uns establecementos que non producen o menor beneficio económico, que fan competencia desleal aos negocios privados e que supoñen unha especie de sopa boba que non se ofrece en ningunha outra parte deste continente. Cobrar nos albergues, por outro lado, seguramente axudará a que Galicia sexa máis respectada. Ben está ser hospitalarios, pero non que nos tomen por parvos. Durante todos estes anos de gratuidade non faltaron viaxeiros que, enriba de non ter que pagar un can, íanse queixando de que nos albergues non había Internet.