A casa grande de Sarria

Crónica | As nosas familias fidalgas Un dos costumes do caserío era cocer pan unha vez por semana para dar esmola a pobres e peregrinos, ademais de acoller nas dependencias a quen precisase pousada


sarria

No século XVI aséntase en Sarria a familia López Saavedra, que máis adiante xa coñecida só como os Sabedra entroncará coa familia Figueroa, seguindo a liña masculina co apelido Saavedra ata mediados do século XVIII, en que por casamento cun dono da Casa de Laiosa, pasa á liña familiar dos Somoza, na que se mantivo ata a primeira metade do século XX.Foi darredor de 1945 cando a última posuedora da Casa Grande, dona Ascensión González Neira, segregou da casa matriz seis casas vivendas, sofrendo algunhas alteracións a fachada principal do conxunto, se ben aínda se mantén a torre, varios balcóns e os escudos da Casa. A Casa Grande actual parece obra de fins do século XVII ou principios do XVIII, e conserva un escudo datado en 1552, procedente da primitiva edificación fidalga. Daba fronte á Rúa Principal, hoxe Rúa Maior. Constaba de torre central de dous andares e dúas alas de un andar. Adosadas á esquerda do corpo principal estaban a Capela de San Xosé e a casa dos administradores, e adosada á ala da dereita estaba o portón de entrada ó patio e forno, dotado o portón de dous escudos de magnífica factura, que se conservan. Amais de residencia das familias Saavedra e Somoza, o edificio, ó longo dos anos, foi sede do Xulgado de Primeira Instancia, no INP, e outras dependencias oficiais, mesmo durante algún tempo albergou as oficinas do Concello. No Catastro do Marqués de la Ensenada figura como titular da Casa Grande don Lucas Somoza e Sabedra, veciño da vila de Laiosa, facéndose a seguinte descrición: «1ª.- ... Unha casa de un alto no sitio de Sarria; ten de fronte vinte e oito varas, e de fondo vinte, linda á dereita con Don Francisco Yllanes, e á esquerda con Fernando López». Os Señores da Casa Grande de Sarria tiveron activa presencia na Xustiza e Reximento da Vila e Marquesado de Sarria, e nas institucións relixiosas e benéficas. Tiñan sepulturas dotadas diante do altar de San Xosé, no Mosteiro da Madalena, e a Señora da Casa Grande tiña a honra de Camareira Maior da Nosa Señora de Gracia, advocación mariana existente no mesmo mosteiro. Un dos costumes da Casa era cocer pan unha vez por semana para dar esmola a pobres, peregrinos e transeúntes que o pedisen, sendo tamén tradición da Casa acoller nas dependencias do patio a quen estando de paso, precisase pousada. A base territorial do señorío da Casa Grande de Sarria comprendía terras e casares nas parroquias de San Salvador e Santa Mariña de Sarria, San Martiño de Requeixo, Vilar de Sarria, San Mamade do Camiño, San Pedro de Maside e Santa María de Ortoá. A denominación de Casa Grande, que deu nome ós señores («Señor da Casa Grande de Sarria») mantívose a traveso do tempo e está viva hoxe. Os escudos da familia fidalga foron estudiados por don Francisco Vázquez Saco na súa obra Los Escudos de Sarria, e aínda que os daba por desaparecidos, conservánse na actualidade na casa que alzou don Pedro de gudín no solar do Patio e Forno da Casa Grande. Trátase de dous escudos de boas dimensións e magnífica factura.División da Casa GrandeComo consecuencia da segregación e venda da casa Grande, na actualidade existen as vivendas individualizadas que a continuación se indican: Casa nº21: Antiga Casa do Administrador: Familia Seijas. Casa nº23: Antiga Capela de San Xosé: Familia Fernández. Casa nº25: Ala da esquerda: Familia Pco Barbeiro. Casa nº27: Torre central: Familia Páramo de Treilán. Casa nº29: Lateral dereita : Familia Pérez-Batallón. Casa nº31: Antigo patio-forno: Albergue de peregrinos: Familia Gudín. Consérvanse ademais o arco de entrada (Ruela do Arco) e a Palleira, e no que foi a finca da Casa abríronse as rúas Rosalía de Castro, Padre Sarmiento e Frei Luis de Granada, parceladas antes de 1950, e ocupadas agora por numerosas edificacións, o que dá idea das dimensións da propiedade vencellada á casa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A casa grande de Sarria