A alma dos anos 20 está en Samos

Laura López LUGO / LA VOZ

SAMOS

O mobiliario do Albaroque recorda a principios do século XX. Algunhas pezas foron mercadas de novo, outras, adquiridas en anticuarios, e outras, conservadas da casa orixinal
O mobiliario do Albaroque recorda a principios do século XX. Algunhas pezas foron mercadas de novo, outras, adquiridas en anticuarios, e outras, conservadas da casa orixinal ALBERTO LÓPEZ

O bar Albaroque reabriu dándolle vida á Casa de Chaos, que fora colmado, fábrica de xabóns, de gasosas, de galletas e, ata hai unha década, estanco

20 dic 2020 . Actualizado a las 22:17 h.

Hai emprendedores que son capaces de dotar de alma propia aos seus negocios. Moito traballo, investigación, pescudas, paciencia, cariño e tamén algo de «capricho» é o que hai detrás do «novo» bar Albaroque, de Samos, que reabriu as súas portas noutra ubicación: a Casa de Chaos, dos anos vinte. E moito dese histórico lugar impregna o ambiente do renovado Albaroque.

Juan Fernández e a súa irmá xemelga Julia, e o seu marido Óscar Leirado, veciños de Renche, son os artífices deste proxecto. Eles xa se facían cargo do antigo Albaroque, que levaba uns oito anos aberto e contaba tamén con servizo de albergue. Pero pecharon para emprender un novo camiño: mercaron a Casa de Chaos, restaurárona coas súas propias mans e reabriron o Albaroque.

ALBERTO LÓPEZ

Restauración e decoración

Poñer un pé neste novo local permite viaxar no tempo, concretamente, aos anos vinte, pois nos seus muros, no seu mobiliario e na súa decoración mantiveron ese espírito. Non foi tarefa fácil estar á altura dun local con tanta historia; explica Julia que a Casa de Chaos fora un colmado, tamén funcionou como fábrica de xabóns, de gasosas e de galletas: «Buscamos moita información no Arquivo Histórico e descubrimos que estivo en mans de xente moi emprendedora», explica. Máis recentemente, ata hai algo máis dunha década, cando pechou, foi tamén estanco. Os seus muros gardan una parte da historia da comarca e diso foron moi conscientes Julia, Juan e Óscar, que quixeron conservar a alma do lugar a través da decoración e dos pequenos detalles. Remodelaron e restauraron a casa, pero conservaron a tapa orixinal do mostrador, solos e paredes. A isto fóronlle incorporando elementos adquiridos en lugares como anticuarios: lámpadas industriais dos anos vinte, estantes e estufas antigas...

A reapertura pillounos en plena pandemia, pero a acollida foi moi boa porque todo o mundo ansiaba volver ao Albaroque. Aínda que non hai moitos peregrinos, si que van tendo clientela, xa que o bar está enfocado tanto á veciñanza como aos visitantes, «que poden atopar aquí un espazo distinto», explica Julia.

ALBERTO LÓPEZ

Un lugar con encanto no que se poden saborear produtos da zona e de tempada

As especialidades que ofrecen no menú do Albaroque van na liña do consumo de proximidade e de tempada e apoio aos produtores locais. «Non temos unha carta moi extensa, somos dos que pensamos que menos é máis», explica Julia Fernández. Contan con variedades de pratos á grella, ensaladas, hamburguesas con carne de boi e, un imprescindible en Samos: o churrasco.

O resto dos pratos dependen da época do ano. Ofrecen, por exemplo, segundo a tempada, carne de caza (perdices, xabarís...) e tamén setas. Contan, ademais, con chourizos frescos, nabizas, queixo de Fonfría e mel do Albaroque, das colmeas que Juan Fernández ten en Triacastela.