Este Nadal, a pequena aldea de O Muíñovedro, no municipio de Riotorto, foi incluída na listaxe de agasallos recomendados pola actriz Gwyneth Paltrow na súa páxina web e atopámonos, nos primeiros días do ano, con que xa ten compradores: unha parella holandesa de 60 anos que pretende restaurar o conxunto e destinalo a residencia ocasional de varias parellas.
O tema préstase a reflexionar sobre o poder da publicidade e as súas canles no momento actual, mais coido que calquera reflexión queda eclipsada pola potencia da imaxe do noso rural despoboado e en venda.
Esta pequena aldea de O Muíñovedro leva 30 anos deshabitado e é propiedade dun único herdeiro logo de que os seus avós o fosen mercando, aos poucos, aos veciños que emigraban a Alemaña ou Arxentina. Este pequeno microcosmos de seis casas, coas súas airas, agras e palleiras, ten un incuestionable valor arquetípico e contén, na súa pequenez, a esencia da nosa historia de alleamento e perda.
Non é casual que sexan holandeses os que van mercar a aldea: teñen máis cartos e menos territorio, e máis apego, porque o seu está en precario, ameazado por un mar que o acabará vencendo. Semella que nin o pulo da agricultura ecolóxica, nin o exemplo de países europeos que, malia o progreso, apostan por manteren a súa identidade, nin a descentralización xeográfica favorecida polas novas tecnoloxías conseguirán evitar o éxodo poboacional que está a desangrar o rural galego. Temos as mans luxadas de terra.
Á maioría dos lucenses só unha xeración nos afasta da aldea e quizais sexa ese o problema: que lembramos, con nostalxia, o noso paraíso perdido e que poida que precisemos perdelo de todo, individual e colectivamente, para comprendermos realmente o valor da súa perda.
Serán aqueles que nos mercan os que nos libren de acabarmos de escenario dunha película distópica e apocalíptica, desas nas que unha personaxe, confusa e solitaria, esperta nun mundo baleiro e se pregunta, cun desacougo envolvente, que é o que está ocorrendo.