A medio facer

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

PORTOMARÍN

14 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Venido Solís ten unha pequena lancha chamada Mar de Baos. El é unhas das persoas que máis fotografías atesoura do 2007, fatídica época onde a neglixencia fixo que as augas baixasen, matando a milleiros de troitas na conca do Xallas. Estas últimas fins de semana leva facendo expedicións a varios pobos pantasma que quedan máis descubertos coa sequía propia da época estival. A diferenza doutros lugares como Portomarín, non quedan grandes edificacións en pé, mais é interesante contemplar as ruínas dun muíño na Pesqueira ou o concéntrico do Castro de Castrerón, tamén chamado o Castro do Silvestre. No lugar do Ribeiro, atopou o outro día un fouciño. Detrás de tan feitiña peza, corroída por mor de anos á intemperie da auga, semella que debe haber unha historia ben prezada.

Os fouciños eran pezas imprescindibles en tódolos fogares. Servían para segar a herba, para remendar arrós cheos de maleza e toxos e sempre estaban nas portas das cortiñas das vacas. Se un animal envolvía a corda no pescozo empezaba a bruar con celosía e pronto acudía o seu dono. Con rapidez cortábase a corda para que a vaca non afogase. En certa maneira, as vacas simbolizan un piar fundamental na idiosincrasia galega, como entes fundamentais. A saber se o dono do fouciño o esqueceu nunha tarde coma a destes días, calorosa e case inclemente, cando se encontraba co gando.

Quizais, simplemente, era máis o afán de sentarse co calmuzo do día ca o de poñerse a traballar. Pode que nin lle dese tempo de recollelo cando irromperon as augas con ímpeto. Fose como fose, o fouciño non é só un símbolo que, xunto co martelo, represente o comunismo. Para min representa o traballo como capital intanxible da nosa sociedade.