A voz da morriña galega en Barcelona

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ
Armando Fernández visitou este verán a súa querida Navia de Suarna
Armando Fernández visitou este verán a súa querida Navia de Suarna MANUEL

Dende Radio Sant Boi e Radio Cornellá, Armando Fernández, nado en Navia de Suarna, glosa a Galicia, da que emigrou de mozo

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida de Armando Fernández é a de miles de galegos que alá polo século pasado fixeron as maletas e emigraron buscando unha oportunidade. Con 17 anos, no 1967, deixou a súa Navia de Suarna natal para poñer rumbo a unha Barcelona que lle era allea e que acabou converténdose no seu fogar. Empregouse na hostalaría, como tantos, ata que o servizo militar o achegou un tempo á Coruña. «Cando o acabei fun, como dicimos en Navia, facer unha rabaneada a Alemaña», conta entre risas. Aguantou dous anos na emigración xermana, «pero España e Galicia chamábanme, así que volvín, casei e marchamos para Barcelona».

 Daquelas, Armando xa tiña 26 anos e a morriña impregnaba cada célula do seu corpo. No 1983, o destino quixo que se cruzase no seu camiño un rapaz de O Incio que acababa de poñer en marcha unha emisora de radio, Canal 69. «Díxome se me animaba a facer algo, e eu respondín que si. A radio xa me gustaba dende sempre e en Alemaña coñecera a un rapaz que facía algo de correspondente. Botei ano e pico colaborando no proxecto», lembra o locutor.

En pleno bum das radios, aquela frecuencia deixou de emitirse, pero para entón Armando xa coñecía a outra xente. «Como a Paquita Álvarez, de O Corgo, que tiña unha en Hospitalet, e outros. Eran radios pequeniñas, emisoras que se montaban moitas veces da man dos centros galegos. Houbo un tempo no que case cada centro tiña a súa radio», lembra o locutor.

Foi a mediados dos 90 cando o veciño de Navia se incorporou a Radio Sant Boi, na que continúa hoxe en día, e un pouco máis tarde comezou a compaxinala con Radio Cornellá, na que tamén mantén o seu espazo semanal. «Comecei da man de Xulio Couxil. Eu facíao ao meu xeito, pero non me gustaba o galego que falaba, así que comecei a ir a clases con el».

Pouco a pouco, aquel programa chamado Galegos no Baix na emisora de Sant Boi comezou a ter repercusión entre a comunidade galega emigrada, e o mesmo sucedeu con Sempre en Galicia, o espazo de Radio Cornellá. Ambos seguen emitíndose semanalmente e funcionan como fío condutor para moitos galegos emigrados.

  

De Ushuaia a Suíza

Cada semana, Armando Fernández ponse diante do micrófono en Barcelona para falar de Galicia. Faino con morriña e con ledicia. «Para min é como ter un enlace coa terra, un cordón umbilical», describe, «somos, dalgún xeito, a voz que pon voz aos emigrantes galegos en Cataluña», celebra. Nos seus programas fálase de cultura, de gastronomía, de paisaxe, de historias. «De todo, menos de política», avisa entre risas.

Os micrófonos ábrense en Cataluña, pero as historias de Galicia chegan moito máis aló. «Temos oíntes ata de Ushuaia, no sur de Arxentina. Tamén en Venezuela, moitos en Suíza... Son case todos emigrantes galegos e non galegos, porque hai certa mestura», explica o locutor. As historias dos cociñeiros de Arzúa, os gandeiros da Fonsagrada ou os restaurantes de Vilagarcía fanse universais na voz de Armando, que tamén reserva un espazo para os galegos que están en Cataluña e poñen proxectos en marcha, por exemplo. «As nosas liñas sempre están abertas e agora a través de Facebook hai moita xente que nos escribe».

O navego mesmo teceu unha rede de correspondentes en Galicia na que Xosé Manuel Fernández lles fala das terras de Lemos, Paco Rivas de A Mariña, e Xulio Simón dende Combarro. E o propio Armando se encarga de contar as bondades da súa terra. «Axudei a dar a coñecer a zona de Navia, a Fonsagrada, Os Ancares. Cando veño procuro visitalos e a xente colabora cada vez máis», festexa.

Xubilado, a voz de Armando, catro décadas despois, segue a ser a de moitos galegos en Barcelona. A banda sonora da morriña dos que están lonxe da casa.