O músico sarriano, con fama internacional, deleitou aos presentes co seu espectáculo «Resoando no pasado»
29 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Lugo regresou ao pasado este domingo da man do músico sarriano Abraham Cupeiro. O intérprete, cuxa fama alcanzou cotas xa internacionais, deu o seu último espectáculo do ano nun auditorio Fuxan os Ventos absolutamente ateigado e entregado á paixón de Cupeiro. Nos seus dous pases de onte, os presentes puideron ver ao artista utilizando instrumentos doutras épocas, creando sons novos e, en definitiva, presentando un produto único no mundo musical.
O «show» non se baseou só na actuación de Cupeiro, senón que contou con explicacións do propio músico sobre a súa interpretación, momentos de chanzas, de espectáculos audiovisuais e, en resumo, de conexión co público.
Así definía o seu propio espectáculo Abraham Cupeiro nunha entrevista con La Voz o pasado 18 de decembro: «É o meu espectáculo máis íntimo, co que levo xirando por todo o estado desde hai pouco máis dun ano, e a resposta da xente é xenial, vanse encher os dous pases. Este espectáculo, que fago eu solo, tíñao gardado nun caixón e tampouco o utilizaba moito. Pero recupereino grazas a Etiqueta Negra, que é a produtora coa que mellor traballei en toda a miña vida profesional, e que casualmente tamén é de Sarria, coma min. A verdade é que eu non lle tiña moita fe a este espectáculo, pero os de Etiqueta Negra confiaron, apostaron por el, metérono nos mellores teatros de España, e sempre estivo cheo ata a bandeira. É algo moi íntimo porque interactúo moito co público, que tamén se sente partícipe, hai algo de humor, de nostalxia, leva unha iluminación moi evocadora, improviso bastante... eu gózoo moito».