Abraham Cupeiro: «Gustaríame ter sido músico no século XVIII ao servizo do gran Bach»
LUGO CIUDAD
O multiinstrumentista de Sarria, un referente na creación musical contemporánea, pecha o ano en Galicia cos concertos de «Loira» en Vigo (días 20 e 21) e Compostela (día 26). A Lugo chega o día 28, co espectáculo «Resoando no pasado»
17 dic 2025 . Actualizado a las 21:03 h.Difícil acoutar en palabras o labor de Abraham Cupeiro (Sarria, 1980). Definir o que este artista é para a creación musical contemporánea implica describilo como músico, compositor, musicólogo, construtor, investigador, multiinstrumentista especializado na recuperación de instrumentos ancestrais e sons esquecidos... A piques de rematar un ano histórico na súa carreira profesional, volve a Galicia cunha dobre aposta escénica: pecha a xira de Loira con tres funcións en Vigo e unha en Compostela, e presenta en Lugo o seu aclamado Resoando no pasado.
Cupeiro destaca por ser un dos escasísimos intérpretes de karnyx (instrumento celta da Idade do Ferro) e por ter rescatado a corna galega, presente nas iconografías medievais e na tradición oral do país. Actuou con orquestras de prestixio internacional, como a London Symphony, City of Birmingham Symphony Orchestra, Mahler Chamber Orchestra, Real Filharmonía de Galicia..., participou en proxectos de divulgación científica e traballou no audiovisual con Ridley Scott (Gladiator II) ou Steven Spielberg (Life on Our Planet), entre outros.
Agora volve a Galicia cun maratón de concertos: os de Vigo terán lugar o sábado 20 ás 20.30, e o domingo 21 ás 18.00 e ás 20.30 horas no Teatro Afundación, mentres que o de Santiago de Compostela terá lugar o venres 26 ás 20.30 no Auditorio de Galicia. En canto a Lugo, actuará o domingo 28 no Auditorio Fuxan os Ventos ás 18.00 e ás 20.30 horas. As entradas que quedan están á venda en entradas.ataquilla.com ou abrahamcupeiro.com.
—Un peche de xira en Galicia...
—Si, a xira ímola pechar en Galicia, concretamente, en Lugo, onde darei o último concerto do ano. Pero en Lugo non presentarei Loira, porque xa o fixera en maio. Quedábannos dúas cidades por visitar con Loira, que eran Vigo e Compostela, e faremos tres pases na primeira e un na segunda.
—Como serán os espectáculos de Vigo e de Compostela?
—Contarei con diferentes convidados, ademais de varios músicos que sempre me acompañan. Estarán comigo Davide Salvado; Matthew Ward; Sabela Caamaño, unha acordeonista que leva moitísimo tempo traballando comigo; Antonio Cienfuegos no contrabaixo; Alba Barreiro na arpa; Cibrán Seixo no violín, e Javier Meza nas percusións. Faremos o espectáculo de Loira, dedicado á miña cadela mestiza, como unha viaxe que conta historias que non saen nos libros, de xente anónima, con melodías moi fermosas e moi evocadoras, e tamén composicións propias.
—E como será o de Lugo?
—O 28 presento en Lugo Resoando no pasado, que é o meu espectáculo máis íntimo, co que levo xirando por todo o estado desde hai pouco máis dun ano, e a resposta da xente é xenial, vanse encher os dous pases. Este espectáculo, que fago eu solo, tíñao gardado nun caixón e tampouco o utilizaba moito. Pero recupereino grazas a Etiqueta Negra, que é a produtora coa que mellor traballei en toda a miña vida profesional, e que casualmente tamén é de Sarria, coma min. A verdade é que eu non lle tiña moita fe a este espectáculo, pero os de Etiqueta Negra confiaron, apostaron por el, metérono nos mellores teatros de España, e sempre estivo cheo ata a bandeira. É algo moi íntimo porque interactúo moito co público, que tamén se sente partícipe, hai algo de humor, de nostalxia, leva unha iluminación moi evocadora, improviso bastante... eu gózoo moito.
—Que significa pechar a xira «na casa»?
—En primeiro lugar, significa descansar, porque estás na casa e non tés que viaxar despois do concerto. Pero, sobre todo, significa algo moi importante para min, co difícil que me resultou nos últimos anos tocar en Lugo, que é ver que a xente quere vir verme. Comprobar que se vai ateigar o auditorio dúas veces é o mellor regalo de Nadal que podería ter.
—Remata un 2025 intenso. Que balance fai deste ano?
—Foi intenso, intentei diminuír un pouquiño os concertos, e ao final houbo moitos igualmente, pero sempre con moi boas experiencias. E comezarei o 2026 o día 3 en Xixón, logo Alacante, Valencia...
—En que outros proxectos está traballando?
—Coa xira de Loira imos facer dous concertos máis en abril, en Ponferrada e Madrid. Despois, en outubro, vou volver gravar a Abbey Road, coa Royal Philharmonic Orchestra, outro disco, que estrearemos en Barcelona o 14 de xaneiro do 2027. Pero antes, en novembro do 2026, faremos nunha cidade de Galicia un concerto de despedida do meu último traballo sinfónico, Mythos.
—E segue investigando sobre instrumentos ancestrais?
—Por suposto; a semana pasada marchei a Francia a xunto dun arqueólogo a ver uns instrumentos que está reproducindo da Grecia clásica. Teño a vertente dos espectáculos, pero sigo investigando e adquirindo coñecementos.
—Segue descubrindo instrumentos novos?
—Si. Aínda esta fin de semana, por exemplo, estiven vendo unha colección que é a máis grande de España, Música para ver, con máis de 5.600 instrumentos.
—Aínda queda moito por descubrir?
—Máis ca descubrir, o que queda é poñelos en funcionamento, porque os instrumentos están aí, pero hai que chegar a eles, coñecelos, descubrilos para un mesmo, entender como funcionan e dar con técnicas que non perduraron no tempo, cun método moi científico, pero tamén con moita intuición.
—Musicalmente falando, en que época histórica lle gustaría ter vivido?
—Diríache moitísimas... o século XIX, por exemplo, paréceme espectacular no senso de que se inventan unha morea de instrumentos con iso da Revolución Industrial. Pero xusto antes de que aparezan os primeiros xermes da Revolución Industrial, gustaríame vivir, por exemplo, en Leipzig, onde estaba Johan Sebastian Bach: nunha rúa vivían os músicos, e na seguinte vivían os construtores de instrumentos. A Bach construíanlle instrumentos específicos para resolver as problemáticas que tiña no día a día, porque cada semana compoñía obras novas. Estes compositores eran ourives da música e tiñan unhas ferramentas tan boas que lles permitían facer unha cantidade de música marabillosa sen necesidade de ter ningún aparello máis aló das cousas máis artesanais. Encantaríame estar de músico, de soldado, ao servizo do exército do gran Bach. Aqueles músicos tiñan unha destreza incrible. Esa era unha sociedade gremial, que despois desaparece coa revolución industrial, cando os coñecementos empezan a ser públicos.