AFALU organiza nove actividades e oito formacións en Lugo polo Día Mundial do Alzheimer

LUCÍA CAMPOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Á esquerda Carmen Pena, presidenta de AFALU; no medio a súa vogal Carmen Rielo e á dereita Iria Franco, vicepresidenta.
Á esquerda Carmen Pena, presidenta de AFALU; no medio a súa vogal Carmen Rielo e á dereita Iria Franco, vicepresidenta.

A Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU) presenta un programa especial en diferentes concellos da provincia e en liña para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer, que se celebra o 21 de setembro

08 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O alzheimer é unha enfermidade que vai borrando pouco a pouco a memoria, a capacidade de pensar e mesmo as tarefas máis sinxelas. Non só afecta ás persoas diagnosticadas: tamén condiciona a vida dos seus coidadores e familias, que precisan acompañamento, recursos e apoio. En Lugo, desde hai máis de dúas décadas, a Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer (AFALU) traballa para dar resposta a esa realidade.

«No ano 2002 non había apenas recursos nin servizos específicos en Lugo», lembra a actual vicepresidenta da entidade, Iria Franco. «Foron as propias familias, reunidas en salas de espera e centros de saúde, as que detectaron esta necesidade. Primeiro puxeron o seu tempo e esforzo, e pouco a pouco fomos conseguindo financiamento e profesionais para sacar adiante a asociación».

Hoxe AFALU conta con máis de corenta traballadores, tres centros de día, unidades terapéuticas, programas de envellecemento activo e obradoiros de estimulación cognitiva e psicomotricidade. «O noso obxectivo é que os usuarios manteñan a súa independencia o maior tempo posible, que se sintan útiles e capaces», explica Franco. «Tamén ofrecemos apoio ás familias con grupos de encontro, servizo a domicilio, asesoramento e formación».

Retos e necesidades en Lugo

O diagnóstico temperán segue a ser unha das grandes demandas. «Non falamos xa de curar a enfermidade, pero si de detección precoz, tratamentos máis efectivos e acompañamento dende o primeiro momento», insiste a vicepresidenta. Para ela, é clave que as familias non esperen nin oculten a situación: «Quedarse na casa non é a solución. O acompañamento, o cariño e a vida activa son fundamentais».

Outro dos desafíos é a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación lucense. «Chegar a todos os lugares é moi complicado. Precisamos máis apoio das administracións para levar estimulación, formación e servizos a cada concello», subliña.

Un día para dar visibilidade

O 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer, é unha xornada clave para a asociación. «É a enfermidade do esquecemento, e moitas veces tamén parece que eles tamén son esquecidos», di Iria Franco. «Este día dálle visibilidade aos enfermos e recoñece o esforzo dos seus coidadores».

Tamén busca desmontar mitos. «Moita xente ten medo, pero non todos os enfermos presentan agresividade nin responden mal. Cada persoa é distinta e, mesmo cando perden a memoria, seguen recoñecendo o cariño, a compañía e o amor», engade.

Un programa cheo de actividades

Este ano, AFALU deseñou un calendario que arranca o 15 de setembro cunha viaxe moi especial: os usuarios da asociación poderán «recordar Lugo» a través dunha actividade de realidade virtual guiada por Guido Guía. Ao día seguinte, o 16, en Friol, haberá un obradoiro de mobilidade e mellora postural pensado para persoas maiores.

O 19 de setembro a cidade de Lugo acollerá mesas de sensibilización en diferentes puntos da Praza Maior e a Rúa Quiroga Ballesteros, mentres que en Muras terá lugar unha charla sobre sinais de alerta en demencias. O día grande será o 20, cunha gala conmemorativa no Círculo das Artes e a música das escolas mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, que ofrecerán un concerto aberto ao público.

A programación continuará o 24 de setembro en Lugo cun obradoiro sobre coidados básicos para persoas con Alzheimer, e o 26 trasladarase a Cervantes cunha charla sobre coidados paliativos no fogar. O día 27, a Semana de Cine Inclusivo e Diverso de Burela proxectará o filme Recuérdame, que se converterá nunha homenaxe á memoria.

Xa a finais de mes, o 29 de setembro, Antas de Ulla acollerá unha sesión sobre o manexo de situacións problemáticas na convivencia con enfermos, e o 30, Friol volverá ser protagonista cunha actividade interxeracional no Centro de Día. O calendario pecharase o 2 de outubro, tamén en Friol, cun innovador obradoiro de sensibilidade sensorial en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. «Queremos sentir o apoio da sociedade lucense e convidamos a toda a xente a participar», apunta Franco.

AFALU tamén organiza obradoiros durante todo o ano
AFALU tamén organiza obradoiros durante todo o ano

Oito formacións para coidadores

En paralelo, AFALU puxo en marcha un programa de oito formacións destinadas a coidadores de persoas en situación de dependencia. Desenvolveranse en Antas de Ulla, Lugo, Láncara, Mondoñedo, Guntín, O Páramo e Sarria, ademais dunha sesión online.

Nelas trataranse cuestións prácticas e fundamentais: desde os coidados básicos ata o manexo de situacións difíciles ou os coidados paliativos no fogar. «A formación é das cousas máis útiles que podemos achegar ás familias e aos profesionais», subliña Iria.

Mirando ao futuro

A vicepresidenta recoñece que o soño sería «non ter que existir», porque iso significaría que xa hai unha cura. Mentres non chegue ese día, AFALU continuará «acompañando persoas enfermas, familias, coidadores e profesionais, creando redes de apoio e loitando por que ninguén se sinta só nesta realidade».

Para quen queira colaborar, hai diferentes vías: facerse socio, apoiar economicamente, difundir o labor da asociación ou simplemente derivar a persoas que poidan necesitar axuda. «Canto máis seamos, máis presión podemos facer para que se nos escoite», conclúe Franco.