«O consentimento informado non se pode firmar ás portas do quirófano

Dolores Cela Castro
dolores cela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Médicos de toda Galicia tamén debatirán en Lugo sobre mediación extraxudicial

22 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sesenta profesionais da xudicatura, enfermeiros, médicos e traballadores sociais anotáronse nas Xornadas Galegas de Deontoloxía e Ética Médica, que organizan as comisións deontolóxicas dos catro colexios de médicos galegos e que se celebran hoxe. A conferencia inaugural pronunciaraa a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, a partir das 10 da mañá na sé colexial. Falará das demandas dos cidadáns en relación co Código Deontolóxico. Do encontro, no que terán moi presente o caso de Andrea, a cativa de 12 anos de Santiago, cunha enfermidade rara e irreversible, que levou aos seus pais a pedir que se retirará a alimentación artificial que a mantiña viva. Este caso será abordado nunha mesa redonda que moderará o letrado Xosé Vázquez Portomeñe.

-¿De que van tratar nesta xornada?

-Escollemos o consentimento informado e a mediación, que é o máis novo. O consentimento informado decidimos darlle unha volta, porque despois do que levamos de formación, séguese facendo mal e aplícase como medida defensiva por parte dos profesionais en lugar de como unha arma de diálogo co paciente.

-¿A que se refire con esta afirmación?

-Unha porcentaxe alta de sanitarios seguen usándoo coma un papel que o paciente firma, e que os vai protexer sobre reclamacións e das repercusións de se algo sae mal. O consentimento informado non é iso. É un acto de comunicación co paciente para darlle información sobre posibles pros e contras, ou efectos indesexables para que poida decidir libremente o que quere facer. O papel que firma é o punto final desa información. Non ten sentido ningún que un paciente cirúrxico firme un consentimento informado no momento de entrar o quirófano, e isto está a ocorrer. A información ten que ser previa e progresiva no tempo, para que poida tomar a decisión sen presas, meditadas e consultadas coa familia. Este, o cirúrxico, é un exemplo, pero hai máis. Con isto non queremos tampouco dicir que non haxa profesionais que o están a facer ben, que os hai.

-¿Desde que punto de vista o abordarán?

-Na mesa redonda imos abordar os distintos aspectos e visións, tanto xurídicos coma dos expertos en bioética. Despois hai unha parte orientada ao decálogo que rexe no consentimento informado. Tamén escoitaremos a opinión do paciente que a aportará un enfermeiro, que transmitirá a súa vivencia persoal.

-¿Que tipo de mediación están a propoñer os colexios?

-É un tema novo en aspectos sanitarios. Ten moito máis percorrido nos laborais. Interésanos porque pode ser de moita utilidade para os profesionais. Está baseado na Lei de Mediación de Asuntos Civís e Mercantís, que no artigo cinco abre a porta a que os colexios poidan actuar como entidades de mediación.

-¿En que asuntos intervirían?

-A mediación non é o mesmo que a arbitraxe. Busca unha solución compartida. Sempre se vai tratar de acadar aquela que sexa menos mala para cada unha das partes. Supón diálogo e poderase aplicar nos conflitos entre profesionais; entre estes e os usuarios; usuarios, coas institucións e profesionais coas institucións. Pensamos que a maioría deles poden ter solucións sen pasar a procesos xudiciais.

-¿Como o están propoñendo?

-Hai unha iniciativa dos colexios para preparar aos profesionais para afrontar casos como o de Andrea, a pequena de Santiago que foi tan polémico no seu momento e do que trataremos con amplitude na xornada. Este é un caso claro que se resolveu coa mediación, non do colexio. Un xuíz foi o que fixo esa labor entre os pais e o equipo de pediatría cando xurdiron as discrepancias e o caso non foi a maiores. Os colexios pretendemos evitar outras vías, coma xudicial, na que hai moitos atascos e ademais é menos custosa. Dende o ámbito da ética e a deontoloxía sería a forma ideal.