Luís López Fernández cambiou a mecánica polo control leiteiro nunha potente industria de Lugo, e cando viu que as cousas no sector se empezaban a complicar apostou pola produción de carne. Emprendeu o duro camiño da produción ecolóxica nuns tempos nos que non se sabía cara onde ía derivar, e hoxe conta cunha explotación herdada, en San Salvador de Mosteiro, en Outeiro de Rei, que se mantén entre as 90 e as 100 cabezas de rubia galega, cachena e vianesa e tamén ovellas galegas. Todas están inscritas en libros xenealóxicos e pastan en fincas cuxa extensión sumada alcanza as 66 hectáreas.
-¿Canto tempo leva coa explotación?
-Fun dos primeiros. Asistín a aquela reunión de Monforte. Hai 12 anos ninguén sabía o que era a produción ecolóxica. Foron dous anos de reconversión, de análise das terras, da herba, houbo que adaptar as instalacións, facer dúas esterqueiras, cortes. Percorremos un longo camiño, pero aquí estamos. Cando empezamos eramos 16 en produción de carne e xa vamos máis de cen.
-¿En que se diferenza a carne ecolóxica da convencional?
-A simple vista, en nada. A diferenza está na forma de producir, de criar, na alimentación, nos controis que hai que pasar, nas instalacións e na superficie. A nai de todo isto é a base territorial. O consumidor nótao na cor, na textura e, por suposto, no sabor.
-Tamén no prezo, ¿non?
-No prezo tamén. O primeiro becerro que vendín foi no ano 1987 e pagáronmo a 6,6 euros o quilo. Os que vendo agora páganmos a 4,80 euros de media, menos os de cachena, que os están pagando a 6 euros. Son reses máis pequenas e de menos peso, pero a súa carne sabe moi ben.
-¿Compensa producir ecolóxico?
-Una vez que tes todo en condicións e terra dabondo, si. Porque os gastos son os mesmos na práctica que nas producións convencionais, agás o penso, que é máis caro. Seguros, MER, maquinaria, gasóleo, é todo o mesmo nas dúas, e subindo sen parar. Vivimos grazas ás subvencións. Se non fora por elas non poderiamos estar traballando xa.
-¿Como pensa que afectará a reforma da PAC a explotacións coma a súa?
-A nós, os de produción ecolóxica, penso que nos debe beneficiar. O primeiro piar destina o 30 % a produción ecolóxica e iso benefícianos, ou debería facelo. A reforma baséase na ordenación territorial e na superficie. O gran problema de Galicia e se non fai ordenación territorial e de cultivos. Nese caso os resultados da reforma da PAC serán penosos para todo o mundo. O gran problema é que se estiveron vendendo dereitos de produción de leite e de carne sen base territorial. Ese é o gran problema que ten Europa con Galicia.
-¿Coa crise, como evolucionarán as vendas?
-A travesía polo deserto está feita. O que nos afecta e o descenso do poder adquisitivo do consumidor. Ese é o problema nestes momentos, non outro. Haberá que ver como evoluciona.
-¿Véndense ben as reses?
-O certo é que teño unha clientela fixa e fiel, que fun facendo cos anos, que prefire a carne de becerros que ven correndo polo prado, a outros que se crían en cortes, aos que non lles dá a luz do día nin lles chove encima. Todos teñen saída, tanto os becerros como os cordeiros. Destes os que non me leva o raposo, que son unha praga que van sempre polos recén nados.
-¿Ten empregados?
-Para empregados non dá. Axúdame algo o fillo, que se quere incorporar. Dende sempre dixo que quería dedicarse a isto e, en parte, investín e metinme a mercar fincas e a alugalas porque dalgunha maneira a continuidade está aí.
luís lópez fernández gandeiro de produción ecolóxica
«No 1987, o quilo de carne pagábanmo a 6,6 euros, hoxe a 4,80»