Fálase do endebedamento das familias como unha das causas desta crise galopante que arrasa con todo o que atopa por diante. E damos por bos os equilibrios necesarios para superar os rubicóns de cada mes, confiando en que nalgún momento o temporal amaine e volvamos a tempos non tan lonxanos nos que coidabamos ser membros privilexiados dun Estado que por produción e dinamismo se situaba entre os primeiros do mundo. Repaso as miñas débedas e, confiando no «malo será» que nos afasta de fatalismos, espero superar este transo. Pero desde hai uns días cavilo no que La Voz publicou sobre a débeda das grandes cidades de Galicia, xa que indica que cada lucense, eu por exemplo, debe -por adebedalos o seu concello- 479,23 euros. Debe ese diñeiro a miña muller, cada un dos meus fillos, cada un dos meus catro netos e -se me apuran- tamén o quinto que vén en camiño. Pero se por lucense debo esa cantidade, ¿canto debo por galego?, ¿e por español? Iso xa non nolo din, para que non rabexemos ao pensalo. O que non sei é se cando faga a declaración da renda debo incluír esa cantidade como dato negativo, ou se cando acuda a unha entidade bancaria teño que incluír a débeda colectiva xunto coas persoais. Porque se o Concello non paga, ao mellor os lucenses temos que pagar a parte alícuota que nos corresponda, con intereses e costas. E se o alcalde de Lugo aínda non dixo nada, hai uns días o de Santiago veu confesar que o seu concello estaba polas portas, pois cada santiagués debe 738,20 euros. Aínda teremos que estar contentos.