O SÁBADO pasado merquei un pantalón nunha tenda e deixeino alí para que me subisen os baixos e, cando estaba pagando, pregunteille á dependenta qué día podía pasar a recollelo. «Para la semana», contestoume. Nese momento lembrei a unha boa amiga, que non é galega, e que desde que vive aquí di non entender esa expresión tan indeterminada que empregamos con moita frecuencia: para la semana... En galego a preposición para usada en expresións temporais indica aproximación. É moi común a forma «para o ano» co sentido de ?o ano próximo?, ?o ano que vén?. De feito, nestas datas todos facemos proxectos de cara ó vindeiro ano: «Para o ano vou mercar un coche»; «A ver se para o ano tes un fillo»; «Ten que decidir qué fai para o ano»... Esta construcción, tan empregada polos galegos, úsase tamén con outros substantivos temporais, sempre co mesmo significado: «Para a semana imos a Lugo»; «Ha de vir para o martes», etcétera. Estas expresións contaxiáronse do galego ó castelán de Galicia e mesmo hai constancia do uso en Uruguai da frase «para el año», tal e como recolle o Diccionario da Real Academia Española. Xa que logo, en Galicia son formas propias do noso español as xa características para la semana, para el año, para el lunes...: «El pantalón estará aquí para la semana»; «Para el año me compro un piso»; «Te lo devuelvo para el lunes»..., expresións sempre estrañas para calquera castelanfalante de fóra, que as substituiría por outras como: el año que viene, la próxima semana, el próximo lunes, etcétera. Os galegos non temos, neste caso, ningún problema de interpretación cando nos emprazan para o ano ou para a semana. Esa aparente indeterminación é parte da nosa forma de ver o mundo. Que para o ano se cumpran tódolos seus desexos.