ENSAIO
«DICIONARIO» RAMÓN PIÑEIRO
Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. tresCtres (Santa Comba. 2009). 173 páxinas.
Con prólogo do académico galego e ribeirense Andrés Torres Queiruga aparece esta síntese da obra e o labor do líder do galeguismo interior da posguerra, Ramón Piñeiro, da man de Pastor Rodríguez Santamaría, quen, tras unha breve descrición biográfica, centra o seu estudo no labor escrito do autor de Láncara, analizando polo miúdo todas as súas obras e moitos dos ensaios dispersos, para amosar cales foron os eixos do ideario do autor ao que se dedicou o Día das Letras Galegas deste ano: galeguismo, lograr o prestixio da cultura galega, enfrontala ao pensamento europeo por medio das traducións e dos ensaios filosóficos, e restaurar a autoestima dos galegos e o amor pola súa lingua, en tempos ben difíciles.
Sendo fiel á letra e ao espírito de Ramón Piñeiro, non por iso esquece facer unha valoración crítica dalgunhas das decisións e das crenzas desta figura fundamental na Galicia de posguerra. A carón disto, con vocación pedagóxica, engade unha útil cronobibliografía do creador de Láncara e unha completa bibliografía sobre Piñeiro.
O volume de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría contén, ademais, un dos máis significativos ensaios do autor lugués, A lingua, sangue do espírito, unha entrevista de 1955, recursos didácticos para o ensino, unha sinopse e un apartado de testemuños. Síntese clara, fiel ao autor, pero con matices críticos.