¡O raio que a deu!

CARLOS VÁZQUEZ

GUNTÍN

TRIBUNA | O |

30 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALÍ NA carballeira de Meixaboi temíase pola orballada que finalmente non caeu. Guntín foi dos pementos de Mougán a capital culinaria. Os máis apurados en poñerse a desfilar coméronos fríos. Incluso os que nin fu nin fa, tamén. Pero visto que os pementos seguían a brincar no aceite, rematada aquela longa ringleira de xente, houbo máis de un que aínda volveu por máis. Eran de balde. Como se non o foran, pois os últimos estaban quentiños e si que namoraba comelos canda a tortilla fría. Non me pregunten por se picaban ou non. ¡Carafio, nin que llo botaran adrede! Vaia, xa se me escapou. Claro que como ben dixo unha señora na mesa, o éxito está en collelos máis pequenos. ¿Queren saber que sen trabucarse en ningún, dos que tiñamos no prato atinou cales habían picar e cales non? Quen sabe, sabe. ¡O raio que a deu! Qué boca abría a nosa amiga ríndose de nós. Díxonos o truco. Hai mirarlles que logo de fritidos manteñan a pel. Se a teñen enteiriña, é seguro que os pementos non pican. E se o fan, agarren o cacho de pan e enchoupen a gorxa con viño. De calquera xeito, lembren que a vida sen algún picante tampouco é que se diga vida, ¿non si?