«O modelo 'a miña igrexa, o meu cura' xa non vale nestes tempos»

Óscar Santiago, novo arcipreste da Terra Chá, admite que os cambios custan, sobre todo á xente maior, pero que é necesario adaptarse á realidade actual

.

VILALBa / LA VOZ

Óscar Santiago Sanmartín (Neda, 1971) vén de ser designado arcipreste da Terra Chá, o cal lle dá responsabilidade en 171 parroquias. Substitúe a Cristóbal Rivas, que formaba parte da unidade pastoral de Vilalba e que dende setembro atende parroquias do Vicedo e de Mañón. Santiago rexe once parroquias nos concellos de Guitiriz e Begonte e chegou á comarca hai dous anos.

-Nos lugares nos que vostede e párroco, como no resto da comarca en xeral, hai unha poboación espallada. Cómpre aceptalo como un trazo máis do seu traballo ou pódese mellorar a organización das parroquias?

-É unha nova realidade. Hai que facer un labor de organización. O modelo de Igrexa que había non se pode soster; o modelo ‘a miña igrexa, o meu cura’ xa non vale nestes tempos. En Guitiriz, por exemplo, agora só hai unha Vixilia Pascual, que foi un adianto de Juan [José Novo Gabeiras, anterior párroco]. Os cabodanos fanse na fin de semana na que toca misa. Sei que á xente lle custa; pero hai que adaptarse aos tempos, hai que ir dando pasos nese sentido.

-Supón un problema, sendo arcipreste, estar por enriba, dende un punto de vista xerárquico, doutros sacerdotes que teñen máis idade?

-Temos, por unha banda, o que achega a súa experiencia; por outra, o ánimo que temos que darlles. A algúns, de idade, os cambios poden custarlles. Xa é a terceira vez que son arcipreste: funo en Ribadeo en Cedeira [cuxo arciprestado está hoxe integrado no de Xubia]. Hai que organizar da mellor maneira posible. Neste arciprestado hai tres núcleos (Vilalba, Castro de Ribeiras de Lea e Guitiriz) que hai que ter en contra no traballo das unidades de pastoral; pero hai que ir pouco a pouco.

-Poden manterse hoxe a idea dun cura en cada parroquia?

-Á xente maior cústalle. Se por outras razóns, o médico ou outras xestións, se desprazan, hai que considerar que para ir á misa hai que desprazarse tamén. A opción é ir á parroquia do lado. Hai relixiosas que fan a celebración da palabra, e alternamos: un domingo vou eu; outro domingo, elas.

-Como se pode facer para atraer á xente nova nestes tempos?

-Na zona da Mariña, por exemplo, estanse a facer cos novos as ceas alfa. É unha práctica nova de presentar a fe a xente que non recibira a primeira mensaxe cristiá ou a tiña abandonada. No mundo rural, quizais hai que buscar outras maneiras. É cuestión de abrir camiños.

-Hoxe fanse máis nomeamentos e traslados de cregos ca hai uns anos. Como reacciona a xente aos cambios?

-Cústalles aos sacerdotes e cústalle á xente, pero os sacerdotes somos delegados do bispo: hoxe estás nun sitio, e mañá, noutro. Ás veces pregúntanme por que cambian tanto os curas agora; é consecuencia da falta de vocacións. O bispo ten un labor complicado: as parroquias son as mesmas, e os curas imos a menos.

-Débese de pensar en unir parroquias como, por exemplo, se fala de unir concellos? Haberá que suprimir parroquias?

-Algunhas das parroquias que levo son pequenas, e hai fregueses que din ‘se isto segue así, acábase’. Ao mellor só se farán misas de festas ou de enterros; hai

xente que mo di. Hai que tentar aglutinar o que hai, dándolle unha estrutura de hoxe. A xente ten dereito a estar asistida relixiosamente, aínda que é complicado.

-Como é acollido un novo cura cando chega a un sitio?

-Moi ben, moi ben. O compañeiro ao que vin substituír foime presentando xente. Antes de chegar eu, xa falara de min. Hai unha colaboración previa, e xa tes moito gañado así.

«A calquera que chama á miña porta teño que atendelo, e atendelo ben»

O labor e o papel dun crego, sobre todo en núcleos pequenos, semellan ter aínda unha repercusión que non se reduce ao ámbito da Igrexa Católica. Santiago cre que un sacerdote é un referente no lugar onde vive, polo cal, engade, o que diga debe de estar sempre baseado no respecto e na prudencia. «Para os demais, represento á Igrexa, e teño que telo en conta: se o pastor non guía o rabaño, mal imos», afirma.

Por outra banda, considera que o seu labor non o coloca nunha situación de superioridade social: «Ser sacerdote non é ser máis ca os demais», explica. Si o coloca, porén, nunha situación de apertura e de inquietude diante dos problemas alleos: «A calquera que chama á miña porta teño que atendelo, e atendelo ben, o mellor que eu poida», di.

«Nalgunhas parroquias, o que dá a xente non chega para a luz»

Os anos recentes, se se fala de asuntos relixiosos ou doutros temas, están marcados pola crise e polas súas consecuencias. Para Santiago, a situación ten efectos claros: «Un dos problemas é o do patrimonio. Temos igrexas, temos reitorais que hai que tentar soster, e a achega non é igual ca nunha cidade, onde hai moita xente. Nalgunhas parroquias, non chega o que dá a xente para pagar a luz. Grazas a Deus, a xente é dadivosa e axuda», di. Por outra banda, as achegas dos fieis nótanse tamén en iniciativas como Cáritas, que en vilas da comarca como Vilalba e Guitiriz desenvolve un notable labor co cadansúa agrupación parroquial: «A xente é moi xenerosa», recoñece o arcipreste.

Esa xenerosidade tamén é algo que agradece a xente, aínda que non se mida en termos estritamente económicos. O que se lle agradece a un crego, explica Sanmartín, é, en primeiro lugar, a acollida que dá, que teña tempo para escoitar.

Votación
13 votos
Comentarios

«O modelo 'a miña igrexa, o meu cura' xa non vale nestes tempos»