A casa de Díaz Castro

Xulio Xiz TRIBUNA

GUITIRIZ

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa loita contra xigantes e muíños, anda Alfonso Blanco Torrado ?Alfonso de Guitiriz e de Xermolos- teimando por poñer ao dispor de todos a casa natal de Díaz Castro, escritor chairego protagonista das Letras Galegas de 2014.

Díaz Castro quixo rematar a súa vida en Guitiriz, e ao ter en Xermolos a súa segunda casa, a Xermolos legou a casa natal, sabendo que este singular colectivo lle ía dar a vida que merece. O problema é exclusivamente económico. Porque este singular edificio precisa 40.000€ só para renovar o tellado e 200.000 para unha mínima restauración.

Como Alfonso está afeito a loitas imposibles, singular caso de crego capaz de inventar o Festival de Pardiñas e colocalo entre os primeiros festivais musicais galegos, e infinidade de milagres máis, non cabe dúbida de que o vai conseguir, contra vento e marea.

Que os hostaleiros de Guitiriz destinen a esta casa parte do que se consiga no seu Concurso de Tapas e que se gravaran dous spots para as redes sociais, son exemplos mínimos de posibilidades. Agora falta o apoio político á cuestión, e do mesmo xeito que o BNG na Deputación propiciou que se erixise a casa natal de Manuel María como sede da súa Fundación, ten fundadas esperanzas en que o Delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o vilalbés Eduardo Vidal, poida ser decisivo na consecución de que os chairegos recuperemos a casa natal de Díaz Castro, e se cree nela un punto de referencia socio-turístico-cultural, nun especial concello turístico como é Guitiriz para facer algo grande en memoria dun dos nosos máis grandes escritores, para toda a Terra Chá.