Aquel eu que non morreu aínda

XOSÉ ANTÓN POMBO

CASTRO DE REI

Biblioteca do Seminario de Mondoñedo, onde estudóu Crecente Vega.
Biblioteca do Seminario de Mondoñedo, onde estudóu Crecente Vega. PEPA LOSADA

O gran coñecemento da cultura clásica caracteriza a obra de Crecente Vega

23 nov 2022 . Actualizado a las 13:17 h.

Camiños, augas e ventos vagan pola Terra Chá recitando versos da Ponte de Outeiro (Castro de Rei). Os máis inspirados deles saíron da pluma de Xosé Ramón Crecente Vega (1896-1948), que viu a luz en casa de labranza a carón da ponte que salva o Miño.

En 1910, con 14 anos, ingresa no seminario mindoniense cando don Francisco Fanego Losada, profesor que foi de latín nese centro durante máis de cincuenta anos, inicia a súa docencia. As ensinanzas da lingua e cultura do Lacio recibidas foron as que descubriron e guiaron a súa vocación de poeta.

Ordenado de presbítero en 1919, ben axiña continúa estudos civís e xa en 1932 ingresa na universidade de Santiago para obter a licenciatura en letras, título que despois de atrancos vai acadar en Salamanca en 1935. Nesta época, ano 1933, publica Codeseira, poemario de xuventude e primeira madurez. Son versos cheos de lirismo da natureza, intensamente rurais, de influencias virxilianas e dos clásicos latinos, inmersos de amor á terra e nos que se manifesta unharelixiosidade sincera.

Velaí versos dedicados ao carballo de Luxís: «É un carballo avó, de centos de anos,/ abrigo e honor da casa de Luxís./ É un dos mellor feitos e máis sanos/ e máis grandes que medran no país.../Ás veces fala coma o que aloumiña,/ cos seus miles de linguas chachabellas. / Murmura, ben seguro, en voz baixiña, / vellos contos de mozas e vellas...». E cando o vello camiño real que se dirixía a Vilalba foi convertido en estrada, oíronse os laios do poeta: «Desfixéronme o camiño/ con esta carreteira nova. / Desfixéronme o camiño,/ por onde hei de andar agora?/ Xa non ten a miña alma/ por onde ir buscando, soa, / os rastros que foi deixando/ pola vella corredoira...». Costumes e persoas énchense de lirismo: «Despois de moitos anos / daquel amor tan fino, / cruzáronse o velliño i a velliña/ naquel mesmo camiño. / I ela foise dicindo: Se souberas!.../ Inda rezo por ti con aquel cariño./ I el marchouse dicindo: Se souberas!... / Inda soño contigo».

O espírito da natureza próximo ao franciscanismo impregna os versos: «Bendita a luz da mañá/ e o lume do vagalume / que aluma na escuridá./ Bendito o parpadexar/ da lampadiña devota/ que aluma diante do altar./ Bendita a vida e o Amor. / Bendita Nosa Señora./ Bendito Noso Señor. / Amén».

Coa idea de opositar a cátedras trasládase a Madrid, onde o sorprende a guerra en 1936. Foron meses de penurias, de andar agochado, de secretos e medos: asasinaron ao seu curmán poeta, andou escapado, agochou a súa condición de sacerdote e enfermou do pulmón.

En 1941 xa é catedrático de latín no instituto de Antequera, e ao ano seguinte, no de Segovia, onde se establece. Alí toma contacto con outros galegos que, en festas propias do país, fan reunións gastronómicas nas que os seus versos de carácter lúdico e circunstancial son esperados e celebrados. «Bota viño desta xerra,/ lugués, dos da nosa casta; / que todos somos da terra, / i en sendo da terra, basta./ Maxino que vou andando/ por un dos nosos camiños, / pontes, pontigas pasando,/ e maceiras e muíños... / Aquí estamos os galegos / destas terras segovianas: / a paisanaxe i os cregos. / ¡Irmáns na terriña! ¡Irmáns!».

Pero a enfermidade avanzou e puido con el. Foi soterrado en Segovia en 1948 e alí permaneceu ata que en 1998 un movemento iniciado e dirixido polos responsables do seminario de Mondoñedo, e apoiado por escritores, estudosos e veciños, viu cumprido o soño de que os seus restos retornasen á terra que o viu nacer e volveron á parroquia de Outeiro.

Tamén se recuperaron versos seus que eran inéditos e esquecidos. No seu epitafio escribiuse: «Son aquel eu, co meu cantar no pico, / coa miña estrela a rebrilar na frente./ Son aquel eu, que non morreu aínda».