Mónica Alonso: «Cheguei a sentirme soa»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

Mónica Alonso, artista lucense que lerá a ofrenda a Rosalía de Castro
Mónica Alonso, artista lucense que lerá a ofrenda a Rosalía de Castro ALBERTO LÓPEZ

A creadora lucense, que segue na procura das cores da sociedade, fai un alegato pola cultura e prepara a ofrenda a Rosalía de Castro o Domingo das Mozas

05 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) será a encargada de facer a ofrenda a Rosalía de Castro, o domingo 11 ás 12.30 horas. A artista, que estes días expón na sala Alterate do Campus de Ourense a mostra Todxs somos únicxs, na que segue a afondar na investigación das cores, neste caso a visión dos universitario, asume con ilusión o encargo do Concello.

—Rosalía é moito para os galegos, é a nosa nai, a nosa terra, a que mellor representa ao pobo galego, o noso espello. E a nivel persoal é un referente como muller, desde o emprego do galego, ata esa parte sincera e máis emocional, que che aporta seguridade.

— Ser sincero na arte é valente.

—E moi complicado, pero é un traballo imprescindible. Se un non é sincero na creación, non sabe como é como persoa. E Rosalía é un exemplo de valentía e que se transmite nos seus textos, que cando leo, emociónome e síntome identificada.

—E o de Rosalía é con mérito polo contexto no que se viviu.

—Por suposto, pero esa valentía e sinceridade facía dela unha muller serea e á vez activa, comprometida.

— Segue na procura das cores que ve hoxe na sociedade, pero como lle inflúen á hora de crear?

—Digamos que teño dúas etapas na miña carreira. A primeira é ata o 2012, a dunha arte confesional, e a partir de aí inicio outro traballo. Digamos que antes tomaba eu as decisións cromáticas que empregaba nas obras e agora, desde que paso un cuestionario previo á sociedade, xa non tomo esa decisión, senón que inflúen os resultados que obteño das investigacións.

— Pero iso supón renunciar case que a un mesmo como artista, a esa idea cómoda de estar pechado nun estudo?

—Se estou na arte é para arriscar. Prefiro equivocarme que non arriscar e quedarme no conformismo. Custoume moito porque é complexo materializar os resultados dunhas enquisas sociais nunha exposición, porque os resultados de cada unha teñen a súas formas e a súa presentación. Durante un tempo sentinme fóra de todo, sentinme soa, pero logo xa se foron concretando os proxectos, como o de Ourense. Pasei unha enquisa a alumnos de entre 18 e 21 anos, e coa interpretación dos resultados saíron as obras. Gústame ademais porque os rapaces séntense identificados, ven que poden participar na creación e ábrense vías de representación.

— Vostede que é especialista en cores, e xa que estamos a vivir unha pandemia, de que cor é o coronavirus?

—Pois diría que un gris medio ou escuro, pero non negro, que a nivel emocional está asociado a unha gran catástrofe. Temos que pensar que estamos en pandemia pero nun contexto de ter casa, comida e saúde pública garantida. Pero tamén diría que o coronavirus é azul mariño, porque é unha cor negativa e á vez activa. Creo que esta pandemia tenos que axudar a repensar as nosas vidas e as opcións que temos para salvar o planeta.

— Agora a cultura sae ao rescate do San Froilán.

—E non se lle dá o apoio que merece. A cultura é a presentación da sociedade na que vivimos, polo que hai que mimar esas experiencias, visualizalas e logo velas. Se non se dignifican aos profesionais, non hai recoñecemento.

— Cales son os seus recordos do San Froilán?

—Pois son da infancia, cando viñamos en autobús desde A Fonsagrada e volvíamos pola noite. Era unha festa estimulante, chea de cor, luz e son. Encantábanme as figuras de escaiola pintadas, sempre levaba unha para casa. Esa etapa volvina a revivir co meu fillo, que agora ten 13 anos, e regresei ás barracas, como unha especie de lectura transversal de todas as opcións do San Froilán.