Rábade celebra a Axeigada o 7 de marzo: «Hai moita xente nova interesada na música tradicional, isto ten futuro»
LUGO
A asociación cultural Axeigo organiza a terceira edición deste festival da cultura galega, que incluirá obradoiros de música e baile, cantos de taberna e os concertos da Murga de Cántigas e Frores, Lina e Lola, Enxebres de San Lázaro, Benofán e Os Basaduriños
18 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A música tradicional volverá encher a vila de Rábade o sábado 7 de marzo na que será a terceira edición da Axeigada-Foliada de Primavera. Obradoiros de instrumentos musicais e de baile, cantos de taberna e numerosos concertos darán vida a unha programación que este ano, por primeira vez, traslada as actuacións musicais desde o centro sociocultural á carpa que se instalará no campo da feira, dado o crecente interese que esperta este festival. Da organización da Axeigada encárgase a asociación cultural Axeigo, que preside o músico Uxío Vaamonde: «Intentamos cubrir toda a xornada de actividades», explica.
Parte da programación está composta polos obradoiros e cursos de formación: «Pola mañá teremos un de iniciación ao baile, que sempre é moi exitoso porque cada vez hai máis xente á que lle gusta aprender a bailar, e con este obradoiro podes aprender os fundamentos para despois bailar todo o día», continúa Vaamonde. Tamén hai taller de cantos de taberna, baile da comarca dos Ancares, para xente con experiencia, e outro de composición para gaita. En canto aos concertos, actuarán a Charanga Benofán e Os Basaduriños, a mediodía, haberá Cantos de Taberna polos bares da vila, cunha ruta de tres horas, máis ampla que nas anteriores edicións, e pola noite chegarán a Murga de Cántigas e Frores, Lina e Lola e Os Enxebres de San Lázaro. As actividades son gratuítas, agás os obradoiros, que son de pago.
Orixe do festival
Este festival naceu «dun grupo de amigos convertidos en asociación», explica Uxío Vaamonde. Coa formación de música tradicional Axeigo dedicábanse a dar concertos e decidiron tomar a iniciativa e dar un paso máis: «Facemos moita vida en Rábade e decidimos organizar algo aquí para contribuír a promover a música tradicional», explica. Con tres edicións ás súas costas e sumando cada ano máis público, Vaamonde considera que se trata xa dun festival consolidado: «É unha cita de referencia no calendario da música tradicional das comarcas de Lugo e da Terra Chá e queremos seguir medrando».
Para o presidente de Axeigo, a música tradicional galega atravesa un bo momento na actualidade: «Eu sempre son moi optimista con este tema. En Galicia e, en concreto, na provincia de Lugo, non para de medrar a afección, temos moitas asociacións culturais, moitos festivais e foliadas... e a xente anímase a aprender. Hai moitos mozos interesados na música tradicional, así que eu augúrolle un moi bo futuro», continúa Vaamonde.
Tradición en Rábade
No caso particular de Rábade, ademais, a música goza dunha especial popularidade, cunha historia de gran tradición musical: «En Rábade sempre houbo moita comunidade veciñal e moito asociacionismo. Temos aos Fillos do Chaira, que organizan o Entrepontes, o Concello organiza o Rabafolc nas Festas do Verán... Para as dimensións que ten Rábade, hai moita actividade e moita iniciativa musical. Pero tamén moito apoio, en xeral, sempre se implican os comercios locais, os propios veciños e o Concello. Este ano, ademais, no noso caso, contamos con axuda da Deputación», engade o músico de Axeigo.
A programación da Axeigada, ao detalle: actividades desde as doce da mañá ata a madrugada
A programación da Axeigada é a seguinte:
· De 12.00 a 13.00 horas. Obradoiro de iniciación ao baile tradicional, con Miguel Carballo, centrado no maneo, variante da jota do norte da Coruña.
· De 12.00 a 13.00 horas. Obradoiro de cantos de taberna, con Manuel Santín, para redescubrir melodías e ritmos que acompañaron a vida das tabernas galegas.
· De 13.30 a 15.30 horas. Concertos de Charanga Benofán, de Teo, que intentan recuperar o repertorio das murgas, as charangas e orquestras do pasado século; e Os Basaduriños, da aldea de Donón.
· De 16.30 a 18.30 horas. Obradoiro de composición para gaita galega, con Pepe Vaamonde. Trataranse similitudes entre lingua e linguaxe da música, análise da forma musical e motivos rítmicos, xogo e improvisación.
· De 16.30 a 18.30 horas. Obradoiro de baile tradicional dos Ancares, con Artur Puga, director de Seis Por Oito e bailador con Mondra, na Compañía de Danza de Fran Sieira e con Daniel Rodríguez Cía.
· De 19.00 a 22.00 horas. Cantos de taberna polos bares da vila.
· De 22.30 a 23.30 horas. Concerto da Murga de Cántigas e Frores (Lugo). Esta formación nace no 2008 e componse de clarinete, requinta, acordeón, gaita, tamboril e bombo con pratos. Baséase no repertorio dos gaiteiros da provincia de Lugo.
· De 23.30 a 00.30 horas. Concerto das pandereteiras Lina e Lola (Morrazo).
· De 00.30 a 1.30 horas. Concerto do cuarteto tradicional Os Enxebres de San Lázaro (Santiago). O seu repertorio mestura as cantigas dos coros históricos do folclore galego, foliadas e pandeiretadas, que se combinan con pezas instrumentais da comarca de Compostela.