Alberto Busto, do grupo de música de Lugo Arrhythmia: «Empregamos o galego porque é o máis natural, non por facer bandeira»
LUGO
O grupo de metal alternativo acaba de publicar o tema «mesIAs», un adianto do novo disco, «Cero», que sacarán en marzo e que presentarán en directo no festival da Candeloria
13 feb 2026 . Actualizado a las 00:10 h.Como unha crítica aos gurús de internet «que tratan de guionizar as nosas vidas» chega mesIAs, o último tema que publicou o grupo lucense Arrhythmia e que supón xa o terceiro anticipo do que será o seu cuarto traballo discográfico, Cero. Este novo disco verá a luz o 12 marzo e será presentado en directo no festival da Candeloria, en Lugo. Con este último tema, mesIAs, o grupo de metal alternativo experimenta con ritmos máis bailables da música electrónica, mesturados co seu son máis habitual, que bebe do metal, o rock e o rap en galego e sen filtros, con temas de composición propia.
O primeiro adianto de Cero lanzárono no 2025, Amnesia, que foi seguido por Insaciables, en colaboración co grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo. Agora chega mesIAs, que xa se pode escoitar en todas as plataformas dixitais, e quedan aínda outros dous temas antes do lanzamento do disco. Arrhythmia ten por diante despois uns meses cargados de concertos por salas e festivais, como o Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), en setembro.
A banda está formada por Alberto Busto, voz e guitarra; Alejandro Maciñeiras, baixo; e Álvaro López Barreiro, batería, aínda que nos directos únense máis músicos. Tras máis dunha década como grupo, Arrhythmia consolidouse como unha banda de referencia no panorama musical galego. No 2018, o grupo foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música á mellor banda de metal galego, mentres que no 2023 recibiu o Premio Martín Códax da Música como mellor banda heavy e metal. O vocalista de Arrhythmia, Alberto Busto, comparte as súas impresións e os proxectos nos que está inmerso o grupo lucense.
—Que tal está sendo a acollida deste novo tema?
—Pois moi ben, é o terceiro deste novo traballo, aínda quedan un par máis. A acollida, polo de pronto, ben. Estamos moi contentos, tanto coas cifras coma co feedback da xente.
—Abordan un tema moi de actualidade, como é a IA.
—Si, tratamos a IA e todo o que rodea á modernidade de internet. Non estamos en contra das tecnoloxías; de feito, eu mesmo son informático, pero si reflexionamos sobre o uso humano das novas tecnoloxías e dos gurús de internet que fan de coach para todo e che ensinan a vivir, das criptomoedas... Todo iso co que estamos machacados actualmente.
—O compromiso é algo sempre presente nas súas letras?
—Facemos un pouco de todo. Unha parte da nosa discografía son letras máis introspectivas e noutras metémonos na crítica do que nos molesta. Non hai un criterio unificado.
—Como será «Cero»?
—Dos temas que xa saíron, un é unha colaboración con Rebeliom do Inframundo, que funcionou moi ben. Hai algunha colaboración máis, pero non a podemos aínda adiantar. Cero vai un pouco na nosa liña, pero experimentando un pouco máis coa electrónica e con sons un pouco máis poderosos.
—A presentación será no festival da Candeloria, que este ano celebra a súa última edición.
—Vai ser unha presentación con convidados especiais, con xente que colaborou, tanto no noso EP como na nosa carreira en xeral. Ademais, facémolo na nosa casa, en Lugo, que aínda que non é onde vivimos agora, gústanos volver e apetecíanos presentalo na casa. Ademais, nós xa participamos en varias edicións da Candeloria, vímolo nacer e temos relación co festival desde sempre, así que, dobremente especial.
—Como naceu o grupo?
—Coñeciámonos de estar en distintos grupos de música de Lugo. No 2012 deunos aos tres por xuntarnos e montar unha banda. Desde sempre nos consideramos un grupo de Lugo, aínda que non vivamos aquí, pero si que ensaiamos en Lugo, por exemplo. Isto xurdiu como soen xurdir estas cousas, por xente nova con ganas de facer algo.
—Que papel xoga o galego nos seus temas e na súa música?
—Pois é moi importante, pero empregamos o galego porque para nós é o máis normal e natural, non é por facer bandeira, igual que un francés tampouco fará bandeira de cantar en francés; pois para nós é o mesmo, é o noso idioma.