María José Garrido: «Vivín do voleibol ata os trinta e un anos, non me podo queixar» 

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

María José Garrido, que traballa e vive en Lugo, conserva o contacto co voleibol
María José Garrido, que traballa e vive en Lugo, conserva o contacto co voleibol LAURA LEIRAS

Séntese satisfeita da vida que levou malia o esforzo de marchar da casa sendo nova

02 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

María José Garrido escolleu o voleibol sendo unha nena, e desa decisión deriváronse consecuencias que aínda se manteñen. Por unha banda, o voleibol permitiulle chegar a ser xogadora de alto nivel durante anos; por outra, mantén o contacto con ese deporte como fisioterapeuta do Emevé, no que tamén xogou. Porén, comezar a xogar ao voleibol semellou case mäis un paso inevitable ca unha decisión, como ela explica.

—Por que elixiu o voleibol como deporte?

—Era o deporte que había no meu colexio [o CEIP As Mercedes, de Lugo]. Miñas irmás tamén xogaban. Daquela, non había tantos deportes para escoller coma agora.

—Pódese dicir que non lle foi mal...

—Vivín do voleibol ata os trinta e un anos, non me podo queixar.

—Cando se deu conta de que valía para ese deporte e de que podía ser para vostede algo máis ca un pasatempo?

—Era alta. [O voleibol] dábaseme ben. Con catorce anos ou así, xa me comezaron a chamar para ir a concentracións: primeiro, da selección galega; logo, da nacional.

—Resulta duro estar fóra da casa cando un é novo?

—Marchei da casa con catorce anos. É duro. Non había a mobilidade de hoxe. Agora os pais van onde xogan os seus fillos; meus pais ían dúas veces ao ano a Pontevedra. O duro é compaxinar: en Pontevedra adestrabamos cinco horas ao día, e había que combinar iso cos estudos.

—Como se sobrevive e se adapta un a ese ritmo?

—Con forza de vontade. Ás veces entrábame gana de volver [á miña casa]. Se tes forza, xa te afás a ese ritmo.

—Compensa ter que levar esa vida cando un é novo?

—Claro que si. Non sería fisioterapeuta se non tivese xogado ao voleibol. [Esa vida] axudoume a ser forte, a coñecer xente. Se hoxe tivese que ir traballar a calquera sitio de España, non o dubidaría. Para o meu punto de vista, [esa vida] compensa moito. Non é un período longo, son uns vinte anos...

—É duro ter que deixar o deporte despois de terlle dedicado tantas horas?

—No meu caso, non. Os meus últimos anos xa me puxen a traballar de fisioterapeuta en Lugo, xa fun facendo a transición; e cando deixei o voleibol, xa tiña traballo en Lugo. Supoño que é duro cando acabas [a vida de deportista en activo] e non tes outras cousas que facer. Eu xa tiña algo e resultoume ben.

—Que sente agora cando ve un partido de voleibol?

—Fun coas rapazas [do Emevé] á Copa da Raíña, e case me deu gana de entrar na pista [ri].

—Ten bos recordos, entón.

—Si. Teño bos recordos das competicións. Os dous últimos anos que xoguei gañei a Copa da Raíña.

—Volvería facer a vida que fixo?

—Si, dende logo. Cando se me achegan nais ou pais que levan os nenos a centros de alto rendemento, sempre lles digo que lles deixen ir. É unha experiencia moi boa; para min, foino. Aínda teño amigas que coñecín polo deporte. Non son de aquí, pero somos unha familia. Na Copa da Raíña encontrei moita xente do voleibol, é o meu mundo...

—Hai que orientar aos nenos cara un deporte ou deixar que practiquen o que eles queiran?

—En idades temperás, é bo que exploren. Os deportes individuais teñen uns valores; os colectivos, outros. A sociedade é hoxe moi selectiva: nos meus tempos comezábase nun deporte con dez anos; hoxe comézase con tres. Por iso é importante que os nenos exploren e despois elixan o deporte que lles gusta.

Orixe. María José Garrido naceu en Folgoso do Courel en 1981.

Traxectoria. Comezou a xogar ao voleibol no CEIP As Mercedes, de Lugo. Logo estivo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A Pinguela (Monforte), o Vóley Murcia, o Benidorm, o Albacete, o Voleibol Burgos, o Haro Rioja Vóley e o Emevé (Lugo) foron os equipos nos que xogou

Actualidade. Traballa como fisioterapeuta en Lugo e vive en Lugo.

Recoñecemento a Lugo polo Emevé e a outras cidades por teren tamén «equipos así»

Se se pensa que o baloncesto feminino ten e tivo en Lugo moita presenza, pódese chegar á conclusión de que o Emevé resulta admirable na cidade pola súa capacidade de atracción cara ao voleibol. María José Garrido lembra que o interese que xera o voleibol feminino vese claramente en Lugo pero tamén está noutros lugares de España: «Ten mérito que haxa cidades con equipos así», di. Se se teñen en conta as cidades nas que xogou, compróbase que hai clubes de voleibol en poboacións máis ou menos semellantes a Lugo pero tamén noutras máis pequenas, o cal reflicte que non se trata dun deporte minoritario senón dunha práctica moi presente.

Unha parte dese interese, afirma, explícase polas características do voleibol. «É un deporte atractivo para xogar en equipo», salienta. Garrido cre que pode resultar difícil ao principio, cando non se domina a técnica, pero subliña que chega a resultar divertido.

Agora, menos crítica

De feito, non sente mágoa por non ter ensaiado a posibilidade de ter practicado outros deportes a un certo nivel. Si cambiou nela, de todos os xeitos, a maneira de ver o voleibol. «Non son tan crítica como era cando xogaba. Na pista percíbese doutra maneira», recoñece.

Ten un fillo pequeno. Por agora, ao neno non lle chegou o momento de elixir un deporte en concreto. «Cando vou ao pavillón, lévoo comigo. Gústame que vaia e que lle guste o voleibol», explica Garrido, que, por outra banda, non semella interesada en marcarlle un camiño no que ao deporte se refire senón máis ben en procurar que o neno faga exercicio. «Se quere xogar ao voleibol, que o practique. Ensinareille a xogar, pero que decida el», di.