Abre en Lugo o primeiro espazo cultural de Galicia sobre caligrafía: «Escribir a man axuda a mellorar a concentración e a parte visomotriz»
LUGO
A calígrafa lucense María Vila inaugura o sábado 17 o seu obradoiro-galería dedicado á arte da escrita manual. Ofrecerá cursos e talleres, terá exposicións e recibirá encargas para eventos
14 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Escribir é unha maneira de comunicarse e é importante facelo o mellor posible». Este é un dos consellos que a calígrafa lucense María Vila recorda sempre aos seus alumnos. A arte da letra feita a man segue sumando adeptos nunha época en que as pantallas dos móbiles e as teclas dos ordenadores dominan o compás da escrita. Para achegarse a esta disciplina tradicional tan de moda, este sábado, día 17, ás 19.00 horas, inaugúrase en Lugo o primeiro espazo cultural de Galicia de caligrafía. Trátase do Obradoiro-Galería de Caligrafía María Vila, dedicado á arte da escrita manual. Está situado nas Galerías 21 da Avenida da Coruña, «unhas galerías bastante culturais, onde tamén está a Librería Trama, unha academia de pintura, outra de repaso escolar...», explica Vila, que tamén mostra parte do seu traballo na web caligrafiaibiza.com.
Esta artista, que levaba quince anos traballando en Ibiza no sector da caligrafía e o lettering, retornou hai dous meses a Lugo cun novidoso proxecto baixo o brazo: «Somos moi poucas calígrafas en Galicia e, neste caso, ademais, o que propoño é un espazo de academia dedicada solo a caligrafía, cunha área de creación cun taller e unha zona de exposición, é a primeira vez que se fai algo así... desde os scriptorium no Medievo... non existen obradoiros así con esta filosofía», explica.
O novo espazo acollerá unha parte de academia, con formacións para todas as idades e diferentes niveis, que comezarán en febreiro. Por un lado, para os cativos, ofrece os cursos para mellorar a letra. Tamén propón unha formación anual de distintas caligrafías (inglesa, itálica, moderna, celta, romana...) e un club de lectura sobre artistas. E organizará talleres temáticos puntuais: sobre lettering lover, Entroido, Día das Letras Galegas, Día da Nai...
Por outro lado, María Vila recibe encargos de caligrafía e lettering sobre calquera soporte: cadros, decoración de escaparates, elaboración de carteis, gravados en cristais (para conservas, por exemplo), sobre tela, marcasitios para eventos privados (de particulares ou mesmo de grandes marcas), alfombras nupciais, personalizacións en vivo...
Miles de anos de historia
A escrita a man abarca todo un mundo de historia, arte e evolución humana, cunha historia duns 5.000 anos: «A caligrafía é por si mesma unha arte, son símbolos que intentan comunicar algo, sexan letras, debuxos ou outros trazos, como as runas de Galicia, o noso alfabeto, o chinés ou o árabe», explica esta lucense. Na caligrafía tamén inflúen modas, estilos artísticos e épocas, algo que esta emprendedora quere poñer en valor no caso concreto de Lugo: «Gustaríame revalorizar as caligrafías que pasaron por Lugo e organizar talleres na rúa, por exemplo, no Arde Lucus. Podería impartir obradoiros de caligrafía rústica romana e celta, caligrafía de Castelao... E difundir a historia da caligrafía na provincia», continúa.
Todo un universo que ten un impacto directo no cerebro, segundo os últimos estudos. «Escribir a man axuda a mellorar a concentración e parte visomotriz», puntualiza María Vila. Esta profesional explica que non se trata de posicionarse a favor ou en contra da escritura a man ou con pantallas, pero si que cre evidente que o cambio de tendencia modificará o noso cerebro dalgunha maneira: «O cerebro humano desenvolveuse dunha determinada forma a partir da escrita a man. Se esa parte da mente non a usamos, o cerebro configurarase de xeito diferente. ¿Que vai pasar agora? Hai todo un debate moi intenso e interesante actualmente sobre este asunto», expón esta emprendedora.