A Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos organizan en Outeiro de Rei o acto de entrega da Navalla de Manuel María, que este ano distingue a Luís O Caruncho e lembra a Antón Valcarce
03 sep 2025 . Actualizado a las 13:49 h.A Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos outorgan en 2025 a Navalla de Manuel María ao gaiteiro e regueifeiro Luís O Caruncho e ao escritor e músico Antón Valcarce, no marco do acto Memoria da Chaira Enteira, que se celebrará o luns 8 de setembro en Outeiro de Rei, coincidindo co aniversario do pasamento do poeta chairego.
O coordinador e fundador de Xermolos, Alfonso Blanco, explicou que «as persoas que escollemos teñen sempre relación co ano no que se celebra» e lembrou tamén que «sempre se dedica este día a dúas persoas relacionadas coa figura de Manuel María».
Luís O Caruncho presentará un novo disco dedicado á poesía de Manuel María e contará coa intervención de Richi Casás, quen falará da súa traxectoria. Pola súa parte, a lembranza de Antón Valcarce, músico e poeta de Monforte falecido hai un par de semanas, estará marcada pola súa condición de creador versátil que cultivou novela, teatro, poesía, conto e ensaio, e que foi sempre reivindicativo coa lingua e coa cultura galegas. Fidel Fernán Bello será quen tome a palabra para homenaxealo.
Un programa con diversas localizacións
O programa da xornada desenvolverase en varios momentos e lugares, comezando ás 14.30 horas cun xantar comunitario xunto ao río Ladra, seguido ás 17.00 horas dun recital de poesía e música en Penas de Rodas. Actuarán o gaiteiro Raúl Galego e o cantautor Xisco.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase un acto no cemiterio de Outeiro de Rei, onde está soterrado Manuel María, e Alfonso Blanco convida as persoas asistentes a levar unha rosa vermella para homenaxear o poeta. A continuación, no Campo de Santa Sabela, terá lugar un rito compartido celebrando a amizade e o compromiso dos homenaxeados.
Ademais, nese intre farase tamén a entrega das Navallas de Manuel María e «compartirase pan, queixo e viño do país». Este acto lévase a cabo porque, tal e como lembra Blanco: «Manuel María coleccionaba navallas e sempre dicía que non son para rachar corazóns, senón para partir e compartir produtos do país».
As persoas interesadas en participar no xantar popular poderán inscribirse ata o xoves 4 de setembro no teléfono 646 413 890.