A Deputación de Lugo aproba e tramita obras de mellora en 12 estradas ao seu paso por 11 concellos da provincia

LUGO

Reformará co Concello de Palas de Rei a rúa Agro do Rolo, o acceso cara a A-54, que logo pasará a ser titularidade municipal
16 may 2025 . Actualizado a las 18:04 h.A xunta de goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres avanzou na contratación de diferentes traballos de mellora da rede viaria provincial por case un millón de euros. En concreto, deuse luz verde a un convenio co Concello de Palas de Rei para o arranxo e cesión de 800 metros da LU-P-2901; aprobouse a licitación da mellora de catro estradas ao seu paso polos concellos do Saviñao, Pantón, Sarria e Monforte de Lemos; e adxudicou os traballos de sete estradas ao seu paso por Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla.
No caso de Palas de Rei, o acordo co Concello servirá para renovar e amañar o pavimento, as beirarrúas e os servizos na estrada LU-P 2901, máis coñecida na vila de Palas como a rúa Agro do Rolo. A Deputación aportará case 100.000 euros para sumados á mesma cantidade que aportará o Concello, reformarase por completo unha vía que viu incrementada nos últimos anos a afluenza de tráfico rodado, xa que, ademais de unir as localidades de Palas con Friol, é un dos principais accesos para coller ou saír da autovía A-54 no enlace de Filgueira.
Este acordo foise fraguando o pasado ano, tras unha reunión entre o alcalde de Palas, Pablo Taboada, e o presidente da Deputación, José Tomé, para articular fórmulas de colaboración coa fin de acondicionar a vía, que na actualidade atópase en mal estado no seu tramo urbano. Unha vez que se fagan as obras, o Concello de Palas de Rei asumirá a titularidade desta vía, un dos accesos e saídas da vila desde a N-547.
«Nas vindeiras semanas licitaremos os traballos de arranxo deste tramo da vía cun investimento de 94.774€», avanzou o deputado socialista Pablo Rivera tras la reunión da xunta de goberno, quen detallou que as obras incluirán a mellora da drenaxe, afirmado e a sinalización.
Novos investimentos en 4 estradas
Ademais, a xunta de goberno tamén aprobou un novo investimento de máis de 200.000 euros para a mellora de catro estradas ao seu paso polos concellos de Sarria, Pantón, Monforte de Lemos e O Saviñao.
Por unha banda, sacou adiante a licitación dun proxecto para a rehabilitación do firme da LU-P-5712, que é a vía que une en Sarria, Barbadelo e Vilei. Os traballos terán un orzamento de 85.779,71€, un prazo de execución de dous meses e afectarán á totalidade da vía. As obras consistirán na reapertura de cunetas, afirmado co estendido aglomerado en quente, pintado da vía e reposición da sinalización vertical.
E doutra banda, a Xunta de Goberno licitou un proxecto para a rehabilitación do firme de diferentes tramos de tres estradas provinciais na confluencia dos concellos do Saviñao e Pantón cun orzamento de 118.891,78 euros.
Inclúen, a mellora de preto dun quilómetro da LU-P-4102, que é a que vai de Ferreira a Currelos desde a Nacional 120 a autonómica LU-611, á altura de Escairón. E nesa mesma vía reporase a sinalización desde o límite intermunicipal e a altura da Páxara, no cruce co corredor.
Rehabilitarase tamén por tramos a LU-P-3202, de Monforte a Currelos e a LU-P-3208 de Seoane a Pol por Cinsa, en Monforte. As obras consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e pintado das vías, terán un prazo de execución de tres meses e son vías importantes para as comunicacións da Ribeira Sacra.
Adxudicación das melloras en sete vías
A xunta de goberno provincial deu tamén luz verde á adxudicación das obras de mellora noutras sete estradas da nosa provincia ao seu paso por Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla. En primeiro lugar, a empresa Cholo SL encargarase dun proxecto de mellora de diferentes tramos de cinco desas estradas provinciais por 316.723,37€. En concreto do acondicionamento:
- Da práctica totalidade da LU-P-0802, que conecta Begonte e Santalla.
- Da LU-P-2905 completa en Lugo, desde Ombreiro a Aspai.
- Tamén da LU-P-3903 completa. Esta é a vía que vai de Santo Estevo a Donalbai.
- A LU-P-3904, na súa totalidade, desde Xueus a Feira de Gaioso.
- E a práctica totalidade da LU-P-5101, que é a que une Rábade e Friol.
Os traballos en todas estas vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos e repavimentación. O prazo de execución para todas as obras é de catro meses desde o seu inicio. «Un proxecto moi importante porque virá a mellorar de xeito significativo as comunicacións na confluencia dos concellos de Begonte, Friol, Lugo e Outeiro de Rei», valorou Rivera Capón.
Tamén á empresa Cholo SL quedou adxudicado, no concello de Vilalba, outro proxecto para rehabilitar preto de tres quilómetros na LU-P-6508, que é a estrada que conecta os lugares de Vilate e Ribado, na parroquia de San Martiño de Lanzós. Os traballos, cun prezo de 59.300,46€, afectan á metade da vía, no tramo final da mesma. En concreto, as obras comezarán no quilómetro 2 e consistirán na reapertura de cunetas, o saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación.
O prazo de execución será de un mes desde que comecen os traballos e «neste caso é unha actuación importante para o concello chairego porque esta é unha das parroquias máis grandes do municipio, na que viven preto de 500 veciños e veciñas e que conta con diferentes puntos de interese como a Casa-Escola de Lanzós, o castro do Adro, ou a capela de San Andrés», subliñou Pablo Rivera.
En Antas de Ulla á empresa Leonardo Miguélez SL resultou adxudicataria dun proxecto para mellorar case a metade da LU-P-0301, que une a vila de Antas co límite da provincia de Pontevedra, por Rodeiro. Os traballos, cun prezo de 131.560,88€, afectan ao último tramo da estrada -do punto quilométrico 3,657 ao 6,527- e consisten na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización.
O prazo de execución será de un mes e a actuación dará continuidade aos traballos que está a realizar a Deputación no tramo anterior da vía, que é o que dá acceso ó Parque Central de Galicia en Nugallás, con preto de medio millón de euros.
Emprego público na Deputación
Ademais dos asuntos que teñen que ver coa mobilidade, na reunión celebrada este venres quedou aprobada a convocatoria e as bases específicas para 3 prazas públicas, unha de enxeñeiro ou enxeñeira, outra de técnico superior de informática; e unha terceira de técnico superior deportivo. Os tres procesos realizaranse mediante concurso-oposición libre e as bases sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) previsiblemente a vindeira semana.