Colapso

Xulio Xiz

LUGO

22 jul 2024 . Actualizado a las 16:31 h.

Líbreme Santa Tecla de ser agoreiro, pero o que ven de acontecer con Internet é para facernos pensar se a sociedade está entregando a ánima ao diaño da tecnoloxía, como si cedese a súa liberdade a cambio dun prato de lentellas.

Ocorreu cando entrou a saco nas nosas vida o plástico, un produto foráneo máis lixeiro, barato, limpo e elegante, que borrou do mapa vital o barro e a alfareiría. O plástico invadiunos, e cando nos demos conta estabamos rodeados por un material que tarda centos de anos en esvairse, que se é barato producilo vai custar moito máis eliminar os seus residuos.

A min, o ordenador fíxome feliz ao poder escribir e gardar o escrito, e na súa conquista (na conquista pola máquina do meu intelecto) fun avanzando pouco a pouco, só limitado pola impericia derivada de chegar xa maior a esta revolución pacífica, con millóns de vítimas laborais á vez que coa felicidade de case todos.

Abráiame o feito de presentar un escrito nun organismo oficial, que o escaneen e mo devolvan, quedándose só coa versión dixital. Pola miña impericia, imprimo moito do que escribo, e así teño evitado perdas irreparables. O problema é meu; non do sistema. Ata que o sistema colapsa e devólvenos ao século vinte pero sen os recursos básicos que daquela tiñamos.

Na ciencia-ficción adoitan especular con colapsos informáticos, eléctricos, tecnolóxicos ou siderais que nos poden facer volver á Idade de Pedra na que, por tanta dependencia, quedariamos inermes diante dunha natureza que xa non sabemos dominar coas mans. Foi un colapso, seica fortuíto, por algún erro involuntario pero parecer, parecía un ensaio xeral.