Fraxilidade humana

LUGO

Ás veces, as novas de sucesos e os rexoubeos da prensa rosa, malia presentárense na superficie cunha fasquía ben diferente, lévannos ao mesmo punto: á raíz común da fraxilidade humana e á vulnerabilidade de calquera índole á que nos expón o amor. Mentres as crónicas do corazón se enchen de Shakira e de Tamara, da canción-reproche e da reconciliación empalagosa, os xornais salpícannos de novo coa súa incesante procesión de mortes e despezamentos, coas patéticas declaracións de maltratadores que din estar dispostos a asumiren a cadea con tal de matar á muller á que algún día dixeron amar.

Doe aceptar o abandono. Moitos homes non encaixan os novos tempos nos que as mulleres son libres e autónomas, tanto mentres permanecen coma cando marchan. A canción de Shakira, ademais da vulnerabilidade do ego ferido, manifesta o mercantilismo no que a ponderación xa non se nutre da natureza, da rosa e a azucena, ou da elevación neoplatónica, senón da clasificación das persoas coma produtos de luxo ou de consumo de masas, asumindo que, no mercado amoroso, hai un valor obxectivo polo que se nos mide. A historia demostra, pola contra, que non hai ninguén que non estea exposto ao abandono ou que non poida inspirar un amor inmerecido, coma ese home que degolou á avogada que o defendera do asasinato da súa primeira muller e que iniciara con el unha relación amorosa.

Non debería afectarnos tanto o abandono cando a escolla do obxecto amoroso se revela decote tan cega e absurda. A nosa valía non depende de que nos amen. A nosa intelixencia, por unha banda, e a nosa grandeza e elegancia, por outra, revélanse (tanto nas mulleres coma nos homes) naquilo que está na nosa man: a primeira, en como escollemos; as segundas, no xeito en que deixamos ou deixamos.