O MIHL retoma os espectáculos de contacontos en Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Carmen Domech pechará o ciclo o 25 de novembro
Carmen Domech pechará o ciclo o 25 de novembro xoan a. soler

Teatro Ghazafelhos abrirá o ciclo o día 23 con «A máquina do tempo», para cativos maiores de 5 anos

14 sep 2021 . Actualizado a las 11:27 h.

Os contacontos retómanse no MIHL a próxima semana, cunha programación de animación á lectura dirixida á infancia e que achegará aos lucenses cinco funcións ata finais de ano.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. «Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou.

«Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, onde se poderá manter a distancia de seguridade interpersoal», explicou a edil de Cultura, que engadiu que «para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es». As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.