Tempos raros os que nos toca vivir!. Pensabamos que aos maiores nada podía estrañarnos, pero por moita que fose a nosa experiencia na dictablanda do tardofranquismo; nos agónicos días do setenta e cinco, temendo que todo volvía poder ser posible; na dura transición que agora aos progres non lles gusta; e xa non digamos coa Constitución, que aos que non teñen idea das dificultades daqueles tempos lles parece caduca, vese que nos faltaba todo por ver, especialmente a desmemoria e a irresponsabilidade dos políticos.
Deglutimos o que dixo Guerra de que a España non a ía recoñecer nin a nai que pariu, aínda que daquela Guerra era un demo con cornos e rabo, pero andando o tempo volveuse exemplo de talante e sentidiño.
Tempos estes nos que se nos autoriza a andar pola rúa sen mascariña con tal que non tropecemos entre nós, e ninguén ousa quitala, polo que pode pasar ou polo que dirán. Tempos nos que ningún empresario optou por un caldeiro ou caseta cando isto era un negociazo no que non había tiros porque os hostaleiros sabían que había para todos e repartían o pastel.
Tempos nos que suspiramos polas barracas, e os barraquistas máis e para disuadirnos aos pastores de nenos fálase de repartilas pola cidade, co que ao mellor para ir ao «Tren de la Bruja» hai que ir a Frigsa, para a tómbola do cubo a Albeiros, ou aos coches eléctricos a Fingoi.
E non falo da luz porque seica ao ter pactado non sei que, non notarei cambios, pero cada vez que oio a palabra megawatio boto a man á carteira, sabendo que me quedan moitos miles que pagar no que me queda de vida.
Nesto, quedo relativamente tranquilo. Pero iso si: Este tempo é moi raro!