O discorrer da vida

María L. Sández

LUGO

20 jul 2021 . Actualizado a las 19:12 h.

Os ríos estiveron, desde sempre, intimamente ligados á vida humana. O Neolítico xurdiu a carón dos vales máis fértiles e as Grandes Civilizacións erixíronse ao pé dos cursos fluviais, que nutrían as terras e favorecían o agromar da vida. Non é, logo, de estrañar, que o río se convertese, xa desde a época clásica, nunha das grandes metáforas existenciais (vita flumen) e nun motivo constante nos mitos, nas relixións e na literatura.

A nosa dependencia da auga explica o enclave de moitas cidades (e tamén que en Galicia haxa máis núcleos de poboación que en ningures) e deu orixe a unha boa presada dos nosos topónimos. Pero tamén nos lugares máis secos, coma Castela, as cidades están vinculadas a un río, rodeadas por el e construídas alí onde a auga, nunha tortuosa reviravolta, bica o terreo.

Mais o curioso é que, como acontece co mar, esas mesmas cidades viviron decote de costas ao río do que xurdiron. Lugo non se abriu a el ata datas moi recentes. Os paseos e as mudanzas sociais foron da man dos cambios físicos. As beiras do Miño e o Rato convertéronse en lugares habituais de paseo e deporte que ampliaron a xeografía imaxinaria da cidade e melloraron a vida dos lucenses. Por iso xera debate o uso destas áreas e non resulta doado decidir sobre a xestión do club Fluvial, unha institución que xa existía cando aínda a cidade vivía afastada do Miño. Eu aprendín a nadar alí e gárdolle un íntimo afecto; mais, coma en tantas ocasións, cómpre afinar a balanza na que pugnan os usos do territorio coa súa preservación e coidado.

Lugo (Lucus Augusti) defínese, sobre todo, pola pegada romana e a presenza dos ríos. No recoñecemento e posta en valor de ambas cousas temos avanzado moito. Cómpre facérmolo con ambición e con visión de futuro, xunguido a sostibilidade cos avances tecnolóxicos e científicos. A apertura da cidade e dos lucenses ao río é imparable e máis aínda agora que, por sorte, mesmo a obstrución da súa vista desde o Garañón semella estar a piques de ficar no olvido.