Xosé Lombardero, coordinador de Xotramu: «Poderase xogar de forma cómoda, divertida e segura»
LUGO
Muimenta celebra esta tarde a XIII Festa dos Xogos Tradicionais, con música, exposición, mesa redonda e xogos
05 jun 2021 . Actualizado a las 13:39 h.Muimenta celebra esta tarde a XIII Festa dos Xogos Tradicionais, que organiza Xotramu. Será no campo da igrexa vella de Muimenta, a partir das 16.00 horas. Xosé Lombardero, coordinador de Xotramu, falou desta cita no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.
-Volve a festa dos xogos tradicionais...
-Temos que ir pouco a pouco, botándolle máis ganas e dando un pouquiño máis de traballo. Pero encantados de que se poida celebrar esta festa.
-Que novidades haberá este ano?
-Imos empezar suave porque temos moitos xogos e hai que ir controlando as entradas e saídas. Temos moitos voluntarios, pero ímolo facer dunha maneira que sexa cómoda para todos, pasándoo o mellor posible e que non haxa problemas co covid. Poderase xogar de forma cómoda, divertida e segura.
-Os xogos tradicionais son cultura, e son tamén para moitos un encontro co seu pasado.
-Nós empezamos hai máis de dez anos, pero coa información que se foi collendo, coa participación da xente... foi espectacular o que atopamos. Por iso nos mantemos e seguimos descubrindo moitas cousas. Por exemplo, na terceira festa descubrimos un xogo que se xoga cerca de Ribadavia que solo xogan mulleres. Todas estas historias que vas descubrindo animan a seguir nisto.
-Cal será o programa desta festa?
-Actuará Germán Díaz coa súa zanfona, despois abriremos a exposición de fotografías na igrexa vella, restaurada pola veciñanza, e nese mesmo recinto teremos unha colección de xogos moi antigos. Tamén teremos unha mesa redonda sobre a creación da Federación Galega de Deportes Autóctonos, para chegar a acordos e unificar posturas.
-Como hai que facer para participar nesta festa?
-Imos vallar todos os xogos, delimitando as entradas e as saídas. Haberá aforos reducidos, para o que agradecemos a colaboración dos proxenitores que vaian coa rapazada para que non se produzan aglomeracións.