Xosé Lombardero, de Xotramu: «O xogo tradicional permite relaxarse e facer exercicio»

Laura López LA VOZ / LUGO

SOCIEDAD

PALACIOS

A asociación de Muimenta segue promocionando o patrimonio dos xogos con iniciativas desde Internet

26 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O xogo tradicional converteuse nestas semanas de confinamento nunha boa alternativa de lecer. É unha oportunidade de inculcar valores, fomentar a creatividade e impulsar o xogo en familia. Así o explica Xosé Lombardero, coordinador da Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu): «Levamos once anos con esta labor e conseguimos que en case todas as festas haxa un espazo reservado para os xogos tradicionais», destaca.

-Que actividades levaron a cabo durante as semanas de confinamento?

-Colaboramos coa web de Patrimonio Lúdico Galego (xogostradicionais.gal), propoñendo actividades para xogar e para elaborar xogos: con cartóns, tablillas, paus, cortizas, papel... Intentamos adaptar as propostas a espazos reducidos, pensando nos pisos durante a corentena.

-Que acollida tiveron?

-Moi boa. Tiñamos máis de mil entradas todas as semanas. Foron unha boa alternativa para estes días.

-Cales son os beneficios do xogo tradicional?

-Son moitos. O xogo tradicional permite relaxarse, concentrarse e facer exercicio físico, é unha boa forma de facer ximnasia, porque se hai que agachar, dobrar, tirar... Tamén se adaptan moi ben ás esixencias de distancia social e non precisan material custoso.

-Xogan moito os lucenses?

-Si, vémolo nas festas ás que imos, a xente engánchase enseguida, de calquera idade, e poden botar varias horas xogando e xuntarse ata sesenta persoas para participar.

-Hai un patrimonio importante de xogos tradicionais en Galicia?

-Hai un patrimonio moi amplo. E hai xogos moi específicos de zonas concretas, como A Bugalliña, de Carballedo de Avia, só para mulleres, ou A Marqueta, en Mazaricos, que consistía en tirar pedras aos marcos dos veciños.

-Cales son os xogos máis populares?

-Os máis sinxelos. Os maiores, por exemplo, prefiren xogos de arrebolar a boina ou arrebolar o sacho. Pero as novidades tamén gustan moito, e mesmo chegan a facer colas para participar. Tamén teñen moito éxito xogos como o tres en raia, e tamén a porca e os birlos, aos que precisamente estiveron xogando esta fin de semana un grupo de mozos no campo da igrexa.

A festa do día 7 será virtual, con actividades desde as redes sociais

Domingo 7 • Todo o día • Desde as redes sociais • A XII Festa dos Xogos Tradicionais prevista para o próximo domingo, día 7, tivo que ser aprazada por mor da crise do covid-19. Porén, desde Xotramu queren «manter o espírito da festa a través das redes», segundo explica Irene Díaz, membro da asociación. Deste xeito, organizarán actividades virtuais. «Pedimos aos nosos colaboradores que nos enviasen un pequeno vídeo, explicando quen son, que os une con Xotramu e propoñendo un pequeno xogo», continúa.

Estes vídeos, con propostas para todas as idades, serán compartidos por redes ao longo de toda a xornada do día 7. «O xogo tradicional ten múltiples beneficios: permite facer comunidade, divertirse, desenvolver a motricidade...», continúa Díaz.

Por outra banda, o sorteo dunha noite no Spa Attica de Vilalba, previsto para o luns 8, quedou cancelado, pero celebrarase o 8 de xuño do 2021. As rifas adquiridas para o sorteo deste ano serán válidas para o do ano que vén.